BNG e PSdeG exixirán no Parlamento galego que Rueda retire as súas rebaixas fiscais "para ricos"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, exixirá a mobilización de 1.000 millóns de euros destinados a un "plan de rescate social ante a crise".
Sesión do Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Sesión do Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)

Os grupos parlamentares de BNG e PSdeG aproveitarán a comparecencia desta terza feira no Parlamento galego do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para esixirlle que mire á “maioría social" e á "clase traballadora" da Galiza e retire as súas "rebaixas fiscais para ricos", en relación á suba até 50% no Imposto de Patrimonio, anunciada a pasada semana polo titular do Goberno galego.

Nunha rolda de prensa ofrecida esta segunda feira desde o Pazo do Hórreo, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, explicou que a portavoz nacional do partido, Ana Pontón, empregará o debate, no que Rueda debullará as liñas dos orzamentos do próximo ano, para denunciar o "agasallo fiscal" que fai a Xunta "para 7.000 persoas", que son as "máis ricas".

Esta rebaixa, asegurou, "suporá un durísimo golpe para 99% dos galegos", que terán 34 millóns de euros "menos" nas contas galegas de 2023. Segundo cifras de Rodil, é o montante "de todo un ano" para loitar contra o fracaso escolar e "tres veces" o das axudas para vítimas de violencia machista. "Preguntámonos de onde van recortar ese diñeiro que deixamos de ingresar nas arcas públicas", insistiu.

Esta decisión suporá tamén "seguir poñendo a Atención Primaria contra as cordas" e novos recortes "en educación" e "en servizos de coidados aos maiores", tal e como advertiu a viceportavoz do BNG. Todo isto, ademais, "nun contexto de alza de prezos como non se rexistraba desde hai 40 anos".

De acordo coas cifras da Axencia Tributaria da Galiza (Atriga), nos últimos oito anos as diminucións de impostos supuxeron que a Administración galega deixou de ingresar 1.000 millóns de euros. Fronte a isto, Olalla Rodil confirmou que, durante o debate co presidente, Ana Pontón esixirá mobilizar eses 1.000 millóns de euros no ano 2023 como "plan de rescate social ante a crise" e "para a clase traballadora".

Sen beneficio para a “maioría social”

Nesta mesma liña, o viceportavoz parlamentario do PSdeG Julio Torrado censurou que os que van pagar menos son "os que teñen un millón de euros de patrimonio, ou máis", polo que non beneficia "a maioría social do país, que son os que pagan a inflación".

Ademais, o socialista advertiu a Rueda que a Galiza "necesita un liderado potente e unhas políticas pensadas desde a Galiza e para a Galiza", cunha "política fiscal propia", e non "estar atada ao que din desde o PP en Madrid".

"Nós [o PSdeG] somos os das maiorías sociais", reivindicou Torrado, quen reclamou insistentemente ao titular da Xunta que "cambie a súa mirada" e entenda que "é o presidente da Galiza" e "non o director de campaña" de Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios