Feixoo propón no Estado a reforma do IRPF que rexeitou na Galiza

O PP de Núñez Feixoo súmase a outras formacións que reclaman deflactando a tarifa nos tres primeiros tramos do IRPF para conter os efectos da inflación.
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, lembrou que o PP tampouco axustou os tramos do imposto á inflación (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera A ministra de Facenda, María Jesús Montero, lembrou que o PP tampouco axustou os tramos do imposto á inflación (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

A inflación, que fechou o pasado mes de marzo en 10,5% na Galiza, a máxima en 37 anos; está a golpear nas economías de moitas familias galegas. Porén, nas últimas semanas tense convertido tamén nun elemento de confrontación no debate sobre a fiscalidade. 

Un termo que está a cobrar protagonismo é o de "deflación de tarifa" no Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF), o que vén a ser axustar os tramos impositivos á suba dos prezos, algo que nin os Gobernos do PP nin do PSOE no Estado foron quen de facer nos últimos 14 anos, como lembrou hai uns días a ministra de Facenda, María Jesús Montero.

"Lembro as palabras do meu homólogo, o señor Montoro (PP), dicindo que evidentemente non era unha política que compartía nin era unha política económica axustada cando había incrementos da inflación", sinalou a ministra.

Os primeiros en presentar esta proposta foron os parlamentarios de Ciudadanos, que contaron co apoio de PP, Vox e PDeCAT, mais non foron quen de superar a oposición de PSOE e Podemos, que argumentaron que se trata dunha proposta "regresiva", que retroalimentaría a inflación e provocaría unha menor recadación. 

Agora, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, presidente tamén do Partido Popular español, retoma esa mesma ideal. "Propomos actuar sobre o IRPF das persoas físicas para beneficiar especialmente as rendas medidas e baixas, aquelas con ingresos inferiores a 40.000 euros, deflactando a tarifa nos tres primeiros tramos, é dicir, actualizando a tarifa que leva sen facerse 14 anos", explicaba onte na presentación do seu programa fiscal.

A vía da indexación

Tamén onte se pronunciaron a este respecto desde o Rexistro de Economistas Asesores Fiscais (Reaf), o órgano de asesoramento fiscal do Consello Xeral de Economistas, que considera "conveniente" adecuar a tarifa e os mínimos persoais e familiares do IRPF á alza da inflación.

Porén, entre a deflactación das tarifas e a indexación dalgúns parámetros empregados para determinar a cota para ingresar no IRPF, consideran que ten máis efecto económico a segunda proposta, sobre todo porque a deflactación debería facerse ao tipo en que se incrementen as rendas, mentres que a indexación de parámetros como os mínimos persoais e familiares ou dos gastos deducíbeis dos rendementos do traballo debería seguir o IPC.

Propón en Madrid o que non acepta na Galiza

O PP rexeitou no primeiro pleno de abril no Parlamento galego unha moción do BNG na que demandaba, entre outras propostas, unha reforma do imposto da renda para unha maior progresividade e medidas para a deflación da tarifa do IRPF autonómica.

Daquela, o deputado popular Pedro Puy argumentara en sede parlamentaria o seu rexeitamento á proposta nacionalista aducindo que corrixir a progresividade do imposto da renda "nada máis" que deflectando a tarifa galega suporía que "as retencións van seguir sendo as mesmas e non van ter ningún efecto na cidadanía", concluía. 

Comentarios