Anticorrupción pide a Facenda todos os pagamentos do PP

A Fiscalía Anticorrupción pide a Facenda todos os pagamentos do PP desde 2000, segundo publica hoxe El País. Jorge Trías, que confirmou os pagamentos e dixo ter visto a contabilidade de Bárcenas, tomará declaración esta mesma cuarta feira. Facenda, por súa parte, denega a amnistía fiscal a Bárcenas.

Ante os indicios de clara irregularidade fiscal, cando non de delito, a Fiscalía Anticorrupción pediu formalmente a Facenda que lle dea traslado sobre todos os pagamentos realizados polo Partido Popular desde 2000.

É obvio que nos pagamentos a Facenda o PP non tería rexistrado ningún ingreso en negro, como tamén é obvio que nin nas declaracións da renda nin nas do patrimonio de empregados e dirixentes do partido van aparecer rastros do diñeiro en B.

Onte, o ex tesoureiro do PP -ao que o partido pensa demandar, segundo anunciou onte o seu portavoz- negou categoricamente a existencia de ningunha contabilidade irregular e atribuiu o escándalo a unha manipulación.

Sumouse así á estratexia de Rajoy. Mais, identicamente ao presidente do goberno, non identificou @s artífices da manipulación. Si dixo, en todo caso, que a manipulación é produto dunha persoa que tivo acceso á contabilidade real do PP.

O que tampouco explicou é como co seu salario puido acumular até 22 millóns de euros, depositados nunha conta en Suiza.

Por súa parte, e segundo publica El Mundo, Facenda vai denegar a amnistía fiscal tramitada por Bárcenas, ao que acusa de engano por atribuír fondos que posúe desde 2006 a unha sociedade criada en 2008.

Comentarios