Crise do sector marisqueiro: as capturas de ameixa babosa caen 20% en Ferrol

As confrarías xa alertaran en reiteradas ocasións da situación desta especie, a máis comercializada polo sector marisqueiro local nas últimas dúas décadas.
Mobilización das confrarías, no verán de 2020, alertando do notábel descenso nas capturas (Foto: Europa Press).
photo_camera Mobilización das confrarías, no verán de 2020, alertando do notábel descenso nas capturas (Foto: Europa Press).

As capturas de ameixa babosa na ría de Ferrol, a especie máis importante para o sector marisqueiro local nas últimas dúas décadas e media, descenderon o pasado ano 20% a respecto de 2020.

A caída do stock deste bivalvo, que se vén evidenciando nas cifras de extracción ao longo dos últimos anos, alcanzou en 2021 o seu peor dato, con 25.600 quilos comercializados (malia que as cifras son aínda provisionais) por tres confrarías da ría (Barallobre, Ferrol e Mugardos), seis toneladas e media menos que no exercicio anterior.

Pola contra, neste tempo incrementouse o prezo medio de venda, que pasou dos 17,6 euros/quilo aos 19,9 do ano pasado. A evolución das capturas de ameixa babosa, que recolle Pesca da Galiza, dependente da Consellaría do Mar, reflicte unha grave deterioración.

A ameixa babosa é a especie máis extraída e comercializada na ría de Ferrol desde que existe un rexistro (2001). Nestes vinte anos vendéronse polas canles legais máis de 3.366 toneladas desta especie, o dobre, por exemplo, que a segunda en volume de capturas, o berberecho.

Con todo, o seu peso no sector foi minguando até 2021. En Mugardos foi a terceira; en Barallobre, a sexta, e en Ferrol, a oitava. Tomando como referencia a serie máis recente, o descenso é moi acusado.

En 2014, por exemplo, extraéronse perto de 300 toneladas, que reportaron aos depósitos uns ingresos de case tres millóns de euros.

Desde entón, a caída foi sostida e denunciada en reiteradas ocasións polos patróns maiores das tres confrarías, até tocar fondo, polo de agora, o pasado 2021.

Comentarios