Alcoa non paraliza os ERE malia a oferta do Ministerio de mellorar o prezo da enerxía

O Ministerio de Industria oferta mellorar o prezo da enerxía, tal e como solicitaba Alcoa mais a multinacional non acepta o compromiso e segue adiante co expediente de regulación de emprego.
Imaxe da reunión telemática da reunión entre Goberno, Alcoa e sindicatos (Nós Diario)
photo_camera Imaxe da reunión telemática da reunión entre Goberno, Alcoa e sindicatos (Nós Diario)

A reunión da mesa multilateral para tratar o futuro de Alcoa rematou sen acordo. Convocada polo Ministerio de Industria, nela participaron a Xunta da Galiza, a empresa e os sindicatos. Como eixo principal tratábase de abordar de novo a situación da fábrica de aluminio primario de San Cibrao, en Cervo, a modo de última posibilidade para tentar frear as accións da multinacional que anunciara como data de inicio das negociacións para comezar a tramitar os expedientes de regulación de emprego (ERE) este 25 de xuño.  

Propostas do Ministerio, silencio da Xunta

No transcurso da xuntanza o Goberno español a través do seu secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, presentou un Plan industrial a dez anos con dúas propostas enmarcadas nun contrato bilateral con varias fontes enerxéticas (gas de alta eficiencia de 100/200  MW, parque eólico de 400  MW e parque fotovoltaico de 800  MW) e un prezo de enerxía nun rango de 25 a 35  MW/ h a partir dos instrumentos actualmente en curso e da entrada de socios. "É o prezo que pediu a Xunta, as traballadoras e traballadores e a propia empresa", sinalou Blanco.

Na xuntanza desde o Goberno español mencionáronse as situacións das plantas da compañía norteamericana en Québec (Canadá), Ferndale (Washington, EEUU) e Córsega (Francia). "O de San Cibrao non é un fenómeno illado, vivímolo na Coruña e Avilés", asegurou, "vén dunha estratexia corporativa do oligopolio dos produtores de aluminio, que xera as consecuencias que estamos a ver", engadiu.

Polo seu lado a Xunta, que non realizou ningunha proposta concreta na xuntanza, estivo en todo momento disconforme coas propostas do Ministerio. Esta postura causou sorpresa en Blanco. "Aliñouse contra o Goberno, dando oxíxeno a Alcoa", sinalou, "agora que se inicia o ERE, a outra parte da Administración existe, e intervirá". Interpreta que "a autoridade laboral, é dicir, a Xunta, a competente para xestionar o proceso" polo que agarda "que o Conselleiro sexa exixente coa empresa para defender os dereitos das traballadoras e traballadores de San Cibrao".

Alcoa non detén o ERE

A resposta da multinacional norteamericana na reunión multilateral foi a de afirmar que non paralizaría os ERE anunciados e seguiría coa súa fola de ruta. Neste sentido desde Alcoa sinalaron que non aceptan este compromiso do Goberno español. A decisión da empresa deixaría no desemprego un colectivo de 534 traballadoras e traballadores directos xunto a 350 máis de empresas auxiliares.

Comentarios