Alcoa anuncia o inicio do proceso formal para o despedimento colectivo en San Cibrao

A empresa di que alarga unha semana máis as consultas cos sindicatos.

Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Cervo).
photo_camera Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Cervo).

Alcoa iniciará un proceso de consulta formal o 25 de xuño para o despedimento colectivo de 534 traballadores e traballadoras nas súas instalacións en San Cibrao.

Así, o manifesta a multinacional nun comunicado, ao tempo que indica que, desde esta cuarta feira e até o 25 de xuño, continuará as consultas cos representantes do persoal durante unha semana máis, a cuarta, para informarlles das "graves circunstancias e da situación insostíbel” pola que afirma que atravesa a planta da Mariña.

A multinacional estadounidense lanzou un proceso de consulta informal o 28 de maio, antes do anuncio de despedimentos colectivos que ameaza 534 traballadores da planta.

Os representantes dos traballadores terán agora sete días para nomear aos membros da comisión representativa para participar nas negociacións para o período de consulta formal, que terá unha duración de 30 días.

No proceso formal, a empresa indicou que continuaría as consultas cos representantes dos traballadores e traballadoras "co fin de conseguir o mellor resultado posíbel para ambas as partes" e afirmou que "non se tomará ningunha decisión final" até que finalice este proceso.

Nun comunicado, Alcoa subliñou que a planta enfronta unha serie de problemas que fixeron a produción de aluminio primario "ineficiente e o funcionamento da planta pouco competitivo e que provocaron importantes perdas recorrentes, que se espera que continúen".

Comité

O comité de Alcoa San Cibrao cargou contra a "falta de vontade" da empresa na "procura de solucións" para a planta ao anunciar o inicio do proceso formal do ERE o 25 de xuño sen esperar á mesa multilateral convocada para o próximo día 23.

Nun comunicado, o presidente do comité, José Antonio Zan, censurouque a dirección de Alcoa "abriu un proceso informal coa decisión xa tomada sobre o futuro dos traballadores". Ademais, reprocha que a compañía busque "romper" a reunión da mesa multilateral do 23 xuño co anuncio do proceso do ERE, "mesmo antes de que acabe a reunión" deste mércores e "sen tan sequera ter asinado o recibí o comité".

"Desde o comité de empresa seguimos crendo de que a única saída é a implicación das administracións e a loita na rúa", explica Zan. Por iso, avanza novas mobilizacións.

A CIG condena a decisión de Alcoa de formalizar o ERE porque "rebenta calquera solución de continuidade dos empregos e da produción". O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, critica que a decisión da multinacional se dea nun contexto no que hai convocada reunión da mesa multilateral para o día 23, mais sen certezas e sen un calendario claro da aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo e de todas as medida complementarias para crear ese marco estábel, "malia que así se lle ten demandando en varias ocasións ao Goberno español".

Comentarios