domingo 01/08/21

Alcoa encarga á SEPI que elixa o posíbel comprador

Alcoa traslada Industria todas as propostas das empresas candidatas a facerse coa planta de aluminio de San Cibrao.
Vista da planta de Alcoa en San Cibrao.
Vista da planta de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Cedida)

Continúa o toma e daca entre Alcoa e o Goberno español sobre quen debe liderar a operación de venda da planta de aluminio de San Cibrao (Cervo).

A multinacional norteamericana, a través dun comunicado, volveu situar esta terza feira a pelota sobre o tellado da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI). E é que, segundo Alcoa, agora "compete" ao organismo dependente de Industria "seleccionar o ou os candidatos cos que iniciar negociacións" para a compravenda de Cervo.

Tal e como apunta a multinacional, o Ministerio de Industria e a propia SEPI recibiron o informe dos avances do proceso de venda da planta de aluminio, "incluídas propostas dos candidatos a adquirir a planta", dos que tamén deu conta ás demais entidades integrantes da mesa multilateral (Xunta, sindicatos e representantes do persoal).

Respecto das propostas, Alcoa avanza que "varias aceptan o acordo de intencións tal e como Alcoa o propuxo ou con mínimos cambios", un acordo que, como lembra, é "moi similar" ao ofrecido xa en setembro de 2020 a Liberty House e a SEPI en última instancia e que non chegou a prosperar. 

En opinión da multinacional norteamericana, "todas as propostas indican que o apoio das administracións é imprescindíbel", na forma de "un marco competitivo de prezos de enerxía garantido, financiamento e/ou garantías".

Alcoa maniféstase "en disposición de asinar o acordo de intencións proposto con SEPI", unha vez que esta entidade "conta xa con ofertas que pode analizar e negociar directamente cos candidatos". Porén, a SEPI xa dixo no seu día que tería que ser Alcoa a que negociase a venda, por ser a planta da súa propiedade. 

Agora Alcoa insiste en que é a SEPI a que debe "iniciar negociacións e avaliar se acepta ou propón cambios nos termos do acordo de intencións co que SEPI compraría a planta a Alcoa". De feito, cre que o Goberno español "debe asumir unha participación directa na devandita venda e no futuro da mesma, posto que na situación que atravesa a planta hai un vínculo directo que relaciona a competitividade do marco enerxético coa viabilidade da fábrica".

Ademais, engade, a venda a SEPI proporcionará os traballadores "unha maior seguridade de que a venda conta co respaldo do Goberno de España".

comentarios