Industria acusa agora Alcoa de enredar a negociación

O secretario xeral de Industria, Raül Blanco, confía en vender a factoría a algunha das empresas industriais interesadas e non a fondos de investimento.
O secretario xeral de Industria, Raül Blanco, nunha comparecencia no Congreso (Foto: Congreso das Deputadas).
photo_camera O secretario xeral de Industria, Raül Blanco, nunha comparecencia no Congreso (Foto: Congreso das Deputadas).

O Ministerio de Industria ten nas súas mans evitar unha folga no complexo de Alcoa en San Cibrao (Cervo). Os sindicatos concedéronlle unha semana de gracia para que aclare o seu papel na venda da factoría de aluminio primario da Mariña. De momento non houbo avances ao respecto, pero o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, falou hoxe nunha entrevista en Onda Cero da situación das negociacións.

No transcurso do programa radiofónico, o alto cargo do Ministerio criticou Alcoa por estar "sistematicamente a buscar camiños longos, enredos e subterfuxios para non dar unha solución" á factoría e afirmou que se a planta segue aberta é "polo esforzo conxunto entre Administracións e traballadores, pese á obstinación de Alcoa".

Neste senso, Blanco lamentou que o proceso "non sexa máis rápido", pero aclarou que "iso non é responsabilidade do Goberno estatal, senón da empresa, que non vende a pesar de ter opcións diversas para facelo".

"Que ninguén se enlee. Alcoa ten unha estratexia xurídica dado que perdeu (a súa batalla xudicial para levar adiante) o ERE", apuntou Blanco. Con todo, o secretario xeral amosouse confiado en que esa venda se produza e avanzou que a súa aposta é por que a fábrica de aluminio acabe en mans dalgunha das empresas industriais interesadas, "claramente".

A mala experiencia de Alu Ibérica

A este respecto, Blanco parece ter aprendido da experiencia da venda das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés e desbota a entrada de fondos de investimento na ecuación. "De todo se aprenda na vida", recoñece.

Sobre a intervención xudicial destas plantas, o alto cargo de Industria amosou o seu "respecto" á decisión xudicial que, como indicou, "vai permitir que se free esa descapitalización que indiciariamente estaba a producirse".

Sobre o papel de Alcoa na operación admitiu que "hai un responsábel desa venda", "por iso a nosa prudencia", engadiu, en alusión ás conversacións para a venda da factoría de Cervo. Precisamente, a cláusula de indemnidade ante eventuais reclamacións xudiciais que pide Alcoa para vender San Cibrao foi un dos elementos que bloquearon as negociacións nas últimas semanas.

Comentarios