Abre o prazo de alegacións á futura planta de hidróxeno verde de Norvento en Lugo

O pasado mes de marzo, Norvento informaba de que investirá máis de 50 millóns de euros nunha nova fábrica autosuficiente e de "cero emisións" en Lugo.
Centro CIne de Norvento en Lugo. (Foto: Norvento)
photo_camera Centro CIne de Norvento en Lugo. (Foto: Norvento)

A Xunta somete a información pública o futuro proxecto dunha planta de hidróxeno no Centro de Innovación Norvento Enerxía (CIne), situado en Lugo, polo que se abre o período de alegacións durante 20 días a partir do 11 de xullo. O proxecto -promovido pola empresa Nedgia Galicia- pasa pola implantación dun sistema de inxección de hidróxeno verde, producido no Centro de Innovación Norvento Enerxía (CIne), na rede de distribución de gas natural no municipio de Lugo.

Tamén se proxecta a construción dunha canalización, que será obxecto doutro proxecto, para a conexión deste módulo coa rede de gas natural, segundo recóllese no anuncio da Consellería de Economía, Industria e Innovación publicado no Diario Oficial da Galiza (DOG) esta sexta feira.

O pasado mes de marzo, Norvento informaba de que investirá máis de 50 millóns de euros nunha nova fábrica autosuficiente e de "cero emisións" en Lugo.

Producirá toda unha gama de produtos tecnolóxicos de alto valor engadido para a xeración e o almacenamento enerxético, entre os que se inclúen os aeroxeradores nED de media potencia, solucións de almacenamento eléctrico con baterías e sistemas de electrónica de potencia que permitirán producir hidróxeno verde.

Localización

A planta situarase xunto ao edificio CIne, sede da compañía no Parque Empresarial As Gándaras, en Lugo, e suporá a consolidación de 1.000 postos de traballo, segundo estimación da compañía.

Esta nova instalación, denominada Fábrica Norvento Enerxía Cero, foi declarada proxecto empresarial singular pola Xunta e será completamente autosuficiente enerxeticamente a partir de fontes 100% renovábeis.

Comentarios