Parlamento

O PP aproba en solitario a Lei do litoral, que carece dos medios para a súa execución

O Parlamento galego aprobou cos únicos votos a favor do PP e a abstención do BNG e o PSdeG a Lei de ordenación e xestión integral do litoral da Galiza. Unha norma que para os populares supón "asumir novas cotas de autogoberno", mentres que a oposición ve na mesma máis "electoralismo" que "efectividade" e advirte que, sen os medios e servizos necesarios para desenvolver a competencia e que están en mans do Estado, a lei é unha "oportunidade perdida".
A deputada popular Carmen María Pomar foi a encargada de presentar o ditame da comisión parlamentaria que aprobou a lei. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera A deputada popular Carmen María Pomar foi a encargada de presentar o ditame da comisión parlamentaria que aprobou a lei. (Foto: Parlamento da Galiza)

A Cámara galega aprobou esta terza feira cos votos en solitario do PP a Lei do litoral da Galiza, unha aprobación que se produciu apenas dous meses despois de que o proxecto de ei entrase por rexistro do Parlamento, 3 de maio. Uns prazos que, enmarcaron tanto nacionalistas como socialistas, responden ás "présas" do Partido Popular por aprobar esta lei, cunha tramitación "escasa" e "reducida" e procurando "un interese electoralista" ao confrontar co Goberno estatal.

A conselleira de Medio Ambiente e Territorio, Ángeles Vázquez, afirmou que ao aprobar a lei estábase a "cumprir o artigo 27 do estatuto de autonomía que concede a Galiza competencias exclusivas en litoral". Tamén o portavoz do PP no debate, José Alberto Pazos Couñago, incidíu en que esta lei implicaba que a Galiza sume unha nova "competencia" e faino, dixo, "ao xeito galego: con sentidiño e respecto ao ordenamento constitucional". Desde 2009,ano da chegada de Alberto Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta, o Goberno galego non materializou ningunha transferencia ou nova competencia para a Galiza. O PP enfocou o seu discurso en boa medida a presentar como tal a lei aprobada.

Sen competencia efectiva

Mais a oposición, que optou pola abstención, desmentiu os populares. Alexandra Fernández (BNG) denuunciou que o PP "non quixco facer unha lei efectiva". Os medios e servizos para poder exercer a competencia sobre litoral, explicou a nacionalista, están en mans do Estado e sen a súa transferencia a nova norma está "baleira". Fernández lembrou que hai apenas 3 semanas unha proposición do BNG pedindo o traspaso desas ferramentas necesarias para desenvolver a competencia do litoral foi vetada polo PP. "Non tiñan vontade dunha verdadeira lei para o litoral", manifestou.

Pola súa parte, Patricia Otero (PSdeG) lembrou que o propio informe do Consello Consultivo da Galiza sobre a norma advirte de que sen eses "medios e servizos" non se pode exercer "competencia plena" sobre o litoral galego. Pazos Couñago situou a aprobación da lei como unha demostración da "vixencia do estatuto de autonomía" e presentou a norma como "irmandar protección d erecursos e desenvolvemento económico". A conselleira foi máis alá e falou dunha lei "transcendental", que "garante o futuro da Galiza".

A nacionalista Alexandra Fernández lamentou o que cualificou como "unha oportunidade perdida" e dixo que era "de sentido común" que os usos e xestión do litoral galego se fagan "desde aquí e non desde un despacho en Madrid, a 600 km". "Non fai falla ser nacionalista para querer que sobre os nosos recursos decidamos os galegos e galegas", remarcou. Patricia Otero,  pola súa parte, lamentou a "nula" vontade de negociación do PP.

Unha norma que "blinda" as instalacións turísticas na costa

A Lei de ordenación do litoral da Galiza recibiu, durante o seu trámite de exposición pública, 84 alegacións. Máis de oitenta achegas procedentes da Administración estatal e local, as tres universidades, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a patronal, confrarías, asociacións representativas da cadea mar-industria, organizacións de defensa ambiental, así como cidadáns particulares.

Xa na fase de consulta previa o anteproxecto recibira  81 achegas, mostra do interese suscitado polo mesmo. A ordenación do litoral galego que impulsa a Xunta xerou desde o primeiro momento preocupación e dúbidas entre a rede galega de colectivos e organizacións ecoloxistas e de defensa do medio.

Para a Plataforma en Defensa da Ría (APDR), e así o expuxo nas súas alegacións —presentou 52—, na lei "hai unha estratexia electoralista de confrontación co Estado" , para alén de "confundir interesadamente o concepto de “litoral” co das “actividades a desenvolver no litoral".

Pola súa parte, a Federación Ecoloxista galega (FEG), que aglutina 14 asociacións e colectivos ambientalistas, albisca na norma un "afán por protexer os intereses dos empresarios fronte á conservación dos sistemas litorais e á protección fronte ás consecuencias da emerxencia climática".

Comentarios