En xogo 133 millóns de euros para Galiza

A Xunta volta a votar no CPFF contra a suavización dos obxectivos de déficit

A Xunta non respalda o acordo entre Madrid e Bruxelas para suavizar o déficit público. Así se voltou a constatar esta cuarta feira na reunión plenaria, vía telemática, do Consello de Política Fiscal e Financeira. Nese órgao Facenda votou contra os obxectivos de estabilidade orzamental e débeda pública para o período 2019-2021 propostos polo Goberno Sánchez.

PAZO DE RAXOI

09,00 h.-     O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do Goberno galego, presidirá a toma de posesión dos novos conselleiros de Facenda, Valeriano Martínez, e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.  



foto xoán crespo
10/02/15
photo_camera O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, durante a súa toma de posesión.

Madrid e Bruxelas fecharon un acordo para suavizar o déficit público do Estado español en 2019. O pacto resultaría en que as comunidades autónomas poderían incrementar unha décima o desaxuste das súas contas, pasando do actual 0,2 a un 0,3 por cento do PIB. Traducido á Facenda galega, a nova senda de consolidación fiscal proposta polo Executivo Sánchez inxectaría ás arcas galegas por volta de 133 millóns de euros.

A Xunta uniou os seus votos negativos aos do conxunto de comunidades autónomas gobernadas polo PP. A nova senda de consolidación fiscal irá ao Consello de Ministros da próxima sexta feira.

Por que vota o Goberno galego contra un acordo que resultaría en incrementar a súa capacidade de gasto? A versión oficial –reiterada esta cuarta feira por Facenda a meio dun comunicado de imprensa– é que a relaxación do déficit terá como consecuencia un incremento da débeda pública. É un curioso argumento vindo da Xunta de Feixóo, unha administración que en apenas 9 anos triplicou as súas cargas financeiras.

A Xunta ten un contra-argumento: que a forma de incrementar os seus ingresos non é vía a suavización do déficit, senón vía a liquidación dunha mensalidade do IVE pendente de 2017. Segundo as súas estimacións, por este concepto o Estado tería que transferir á Xunta por volta de 200 millóns de euros.

O voto da Xunta contrario á proposta do Goberno Sánchez foi duramente criticado polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para quen "Feixóo e a dereita galega estanlle a fallar a Galiza".

"Prefiren acompañar a estratexia de confrontación electoral do PP, baseada en receitas neoliberais que xa están caducas, antes que asumir unha nova senda de consolidación fiscal que posibilita que os orzamentos galegos de 2019 dispoñan de 133 millóns de euros máis para pór a disposición das políticas sociais", alega Caballero.

Comentarios