A produción industrial descende un 11,7% en marzo na Galiza

O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) retrocedeu un 11,7% en marzo na Galiza, máis dun punto por riba da media do Estado, onde caeu un 10,4% en relación co mesmo mes de 2011

Na Galiza, segundo as cifras do Instituto Nacional de Estatística, a baixada do índice de produción industrial foi do 11,7% en variación anual e acumula unha taxa negativa de 9,9 puntos no que vai de ano, e segundo informan as axencias. Unha vez descontado o efecto calendario, a variación interanual da produción industrial foi do -7,5% en marzo, cifra 2,2 puntos inferior á rexistrada en febreiro ( 5,3%). No primeiro trimestre do ano, o IPI acumula un descenso medio do 5,6%.

Todos os sectores industriais presentaron  taxas interanuais negativas. Concretamente, os bens de equipo experimentaron unha caída do 14% respecto a marzo de 2011, motivada polo retroceso da produción en case todas as súas actividades, especialmente a fabricación de elementos metálicos para a construción e a fabricación de vehículos de motor. Os bens intermedios, pola súa banda, presentaron unha taxa interanual negativa do 13,1% debido ao recorte da produción en grande parte das actividades do sector, entre as que destacan a fabricación de produtos básicos de ferro e o tratamento e revestimento de metais. Os bens de consumo duradeiro rexistraron unha diminución interanual do 15,2% en marzo, mentres que a produción do sector enerxético retrocedeu un 2,6% en taxa interanual.

Pola súa banda, os bens de consumo non duradeiro baixaron un 7,2% en relación a marzo de 2011 como consecuencia do descenso da produción rexistrado en case todas as actividades deste sector, especialmente nas artes gráficas e na fabricación doutros produtos alimenticios.

Comentarios