A planificación e promoción da Xunta non recupera o mercado turístico galego

Este sector económico vive na incerteza dun futuro máis que negro. Os seus problemas veñen dunha planificación allea ao produto, dunha programación dependente de Madrid e da falta de comunicación para que cheguen turistas.
Aeroporto de Compostela
photo_camera Aeroporto de Compostela

O turismo representa en Galiza o 11% do PIB e del dependen ao redor de 100.000 postos de traballo. Estes datos confirman a importancia dun sector que pasa por un dos seus peores momentos desde que en 1982 conseguiu ter competencias propias no noso país. As liñas de actuación da Xunta, a través da creación en 1992 da S.A. Xestión do Xacobeo e Turgalicia, marcaron as estratexias de vertebración e promoción baseadas, sobre todo, no fenómeno do camiño de Santiago. As cifras dos “anos santos” 1993, 1999, 2004 e 2010 taparon, en parte, os verdadeiros problemas que agora, cunha marxe de nove anos até o vindeiro Xacobeo, non hai posibilidade de agachar.

“O turismo é unha actividade transversal, precisa dun contacto permanente co conxunto de axentes sociais, económicos e territoriais”. Xosé Manuel Santos, director do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da Galiza, sabe que a coordinación de todos estes actores é a chave do éxito en países que funcionan cunha estratexia clara e ben definida.

Planificación

Unha das áreas que ocupou o nacionalismo no goberno galego entre 2005 e 2009 foi, daquela, a de turismo. O importante valor estratéxico e económico deste sector levaron a redefinir o modelo “Fraga”. Creárase unha rede de oficinas de turismo e insistírase en conceptos relacionados co papel do turismo na promoción de valores culturais e identitarios, sempre desde a conservación ambiental e con criterios de calidade. Froito dese traballo foi a aprobación polo Parlamento, en 2008, dunha lei de Turismo que o goberno Feijóo eliminou cando chegou a San Caetano. O PP trouxo o seu propio Plan de turismo que puxo en funcionamento en 2010 e do que leva executado un 80%. A piques de rematar, non conseguiu ningún dos obxectivos que perseguía: incrementar o peso do turismo no PIB, mellorar o salario medio do sector, aumentar a estancia media e o gasto medio diario dos turistas que nos visitan. Pola contra realiza inversións en plans que potencian apartados moi explotados, caso do gastronómico, ou que o propio sector considera “inexistentes” en Galiza, como o Plan de turismo de golf, valorado pola propia Xunta en 1 millón de euros.

“Turespaña marca unhas estratexias para todos os destinos que o resto de administracións seguen”

Promoción

“As empresas turísticas somos Pemes e temos unha dependencia moi forte da promoción”. Manuel Oreiro, director xerente do grupo Viaxes Viloria-Galicia Incoming, leva vinte anos traballando como emisor e receptor de todo o norte peninsular ademais de xestionar dous albergues e colaborar como central de reservas de Turismo de Santiago. “Cando saímos fóra tentamos acompañar as administracións”. A caída do turista peninsular, desde o veciño Portugal até o de Madrid ou Catalunya, fixo que se traballasen máis países como Italia e Alemaña, ou o leste, como Polonia, onde se move máis o turismo relixioso. Tamén atoparon unha reserva importante no mercado americano con Brasil, Arxentina e Estados Unidos á cabeza. Mais o problema está en como se realiza esta promoción.

“Turespaña marca unhas estratexias para todos os destinos que o resto de administracións seguen”. Oreiro refírese ao interese de Madrid por se introducir nun mercado como o chinés ou o ruso. “Póñolle a imaxe da catedral de Santiago a unha persoa de Pekín e non lle di nada, mais se é de Rio de Janeiro preguntara se te relación cunha obra de Paulo Coelho”. As diferenzas con outros destinos como Andalucía ou Catalunya implican outra promoción e outro cliente. “O orzamento en promoción internacional que tiña Turespaña reduciuse un 75% e o pouco que queda vai para os destinos emerxentes que poden ser para algúns, mais non para nós”.

O sector quéixase tamén da mala inversión económica que se realiza en promoción. “Houbo campañas para dar a coñecer aeroportos como o de Vigo ou A Coruña, quen vai viaxar por ver un aeroporto?”. En xuño deste ano o goberno de Feijóo presentou unha campaña de promoción turística “para o mercado interior” cun orzamento de 920.000 euros que distribuíu entre certas empresas de comunicación. Meses despois aínda non hai datos da repercusión dese gasto.

O sector quéixase tamén da mala inversión económica que se realiza en promoción.

Comunicación

“En vez de ser un destino de pernocta pasamos a ser de un destino de excursión de día completo, como moito hai un almorzo, o gasto é moito menor por non facer unha política correcta no tema dos aeroportos”. Os medios de transporte son esenciais para que o turismo medre ou mesmo se manteña. Na situación actual, cunha dependencia absoluta do mercado internacional, o tema dos aeroportos é o que máis doe ao sector. Manuel Oreiro culpa as diferentes administracións “e os gobernos que foron pasando” do caos actual. “Temos outra vez os problemas de hai 10 ou 15 anos”. A liorta municipal defendendo cadanseu aeroporto e a mala negociación coas compañías aéreas en destinos, deixaron Galiza sen posibilidade de vender o seu produto no exterior. “Teño peticións para vir, mais cando busco combinacións teño que ir a Madrid, Barcelona ou Porto”. Este último aeroporto, comunicado con máis de 50 cidades de todo o mundo, é agora a porta de entrada en Galiza. “Deixaron escapar Airberlin e Easyjet, e Ryanair xa reduciu voos, agora xa non somos destino final, é gravísimo”.

Con este panorama os vindeiros anos poden ser moi duros. No caso dos destinos galegos a difusión de eventos reduciuse até mínimos e hai infraestruturas que non se dan a coñecer ou están infrautilizadas. Un dos casos máis coñecidos é o da propia Cidade da Cultura. “Nós pasámoslle dez propostas de comercialización e dixeron que non a todas, por que non se quere facer promoción na Cidade da Cultura cando no seu momento se vendeu como o Guggenheim galego?, debería ser o relevo da catedral”. A mesma pregunta fanse a maior parte de empresas que dependen do turismo para subsistiren.

Comentarios