A inflación sitúase en 3,8% na Galiza, por riba da media estatal, e abeirou o 8% nos alimentos

A suba en xaneiro foi de 0,2% fronte a 0,1% no Estado.

En agosto seguiron medrando os prezos dos alimentos. (Foto: Europa Press)
photo_camera (Foto: Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) aumentou na Galiza en 0,2% en xaneiro, por riba do incremento estatal (0,1%) e elevou a taxa interanual a 3,8%, porcentaxe tamén por riba da media estatal (3,4%), segundo os datos publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística.

Os principais aumentos nestes 12 meses na Galiza déronse no grupo de ‘alimentos e bebidas non alcólicas’, que de xaneiro de 2023 a xaneiro do presente ano aumentou o IPC en 7,9%. ‘Restaurantes e hoteis’ é o seguinte grupo onde máis subiron os prezos, cunha suba de 6,6%.

A nivel de Estado, o prezo dos alimentos e bebidas non alcohólicas avanzou en xaneiro 7,4% interanual, unha décima máis que en decembro, mentres que o grupo de vivenda disparou 7,4 puntos a súa taxa anual, ata o 1,5%, pola suba dos prezos da electricidade, en contraste coa baixada que experimentaron en xaneiro de 2023.

Por contra, o transporte recortou a súa taxa interanual catro puntos, até -0,1%, como consecuencia do abaratamento dos carburantes para vehículos persoais, mentres que o grupo de comunicacións situou a súa taxa interanual no 0,5%, o que supón 2,6 puntos menos que en decembro, debido a que a subida dos prezos dos servizos de telefonía foi menor en xaneiro deste ano que en 2023.

O de xaneiro é o primeiro dato que ofrece o INE coa actualización das novas ponderacións das rúbricas que compoñen o índice. Na nova estrutura, os grupos que gañan máis peso son lecer e cultura, hoteis e restaurantes, transporte e comunicacións, e os que máis perden son vivenda, enxoval e alimentos.

Comentarios