A Eurocámara apoia unha reforma do mercado eléctrico que prohiba os cortes de luz

A reforma do mercado eléctrico obtivo o respaldo de 55 eurodeputados, mentres que outros 15 votaron en contra e dous abstivéronse.
Sesión plenaria do Parlamento europeo na sede de Estrasburgo, Francia (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA).
photo_camera Sesión plenaria do Parlamento europeo na sede de Estrasburgo, Francia. (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA)

A comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo aprobou esta cuarta feira as súas emendas á reforma do mercado eléctrico proposta pola Comisión Europea, nas cales reclaman reforzar aínda máis a protección aos consumidores con medidas como a prohibición de cortes de subministración eléctrica a clientes vulnerábeis.

A reforma do mercado eléctrico obtivo o respaldo de 55 eurodeputados, mentres que outros 15 votaron en contra e dous abstivéronse. Tamén acordaron abrir negociacións co Consello por 47 votos a favor, 20 en contra e 5 abstencións, unha decisión que deberá ser aprobada polo pleno da Eurocámara nunha próxima sesión plenaria.

González subliñou que esta revisión "pon as bases para actuar de emerxencia ante unha crise de prezos como a vivida recentemente, prohibe que se corte a luz ás persoas máis vulnerábeis, e avanza en novos dereitos, como o dereito para compartir enerxía e a vender os excedentes a particulares ou a empresas".

Nas súas emendas ao proxecto de lei, os eurodeputados propoñen reforzar aínda máis a protección dos consumidores fronte á volatilidade dos prezos e piden que estes teñan dereito a contratos de prezo fixo ou dinámico e a máis información crave sobre as opcións ás que se subscriben, á vez que piden que se prohiba aos provedores poder cambiar unilateralmente os termos dun contrato.

O obxectivo é garantir que todos os consumidores, así como as pequenas empresas, se beneficien de prezos estábeis, alcanzábeis e a longo prazo e mitigar o impacto das subidas repentinas de prezos.

Os eurodeputados tamén avogan por que os países da UE prohiban aos provedores cortar a subministración de electricidade dos clientes vulnerábeis, mesmo durante disputas entre compañías e usuarios, e evitar que os provedores exixan a estes clientes que utilicen sistemas de prepago.

Contratos por diferenza

Así mesmo, a comisión parlamentaria apoiou un uso máis amplo dos contratos por diferenza -cando unha autoridade pública compensa o produtor se os prezos caen pero cóbralle se incrementan-- para fomentar os investimentos en enerxía e suxire deixar a porta aberta para esquemas de apoio equivalentes.

Os eurodeputados tamén destacaron a importancia dos acordos de compra de enerxía (PPA) para proporcionar aos consumidores prezos estábeis e aos provedores de enerxía renovábel ingresos fiábeis. A Comisión Europea ten a tarefa de estabelecer un mercado para os PPA para finais de 2024.

Comentarios