Competencia investiga as eléctricas por abuso de posición no mercado

As faltas poderían considerarse como "moi graves".
A presidenta da CNMC, Cani Fernández, a pasada sexta feira (Foto: C. Ortiz / Europa Press).
photo_camera A presidenta da CNMC, Cani Fernández, a pasada sexta feira (Foto: C. Ortiz / Europa Press).

A Dirección de Competencia da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) confirmou esta cuarta feira que está a investigar posíbeis prácticas anticompetitivas nos mercados de instalación de equipos e prestación de servizos de medida eléctrica, de comercialización de enerxía eléctrica e de prestación de servizos enerxéticos e de instalación e operación de autoconsumo no Estado español.

En concreto, entre o 24 e o 28 de abril e entre o 19 e 23 de xuño, a CNMC inspeccionou as sedes de varias empresas "relevantes" do sector eléctrico cuxa identidade non revelou, a raíz de múltiples denuncias recibidas sobre a presunta existencia de prácticas anticompetitivas no mercado eléctrico estatal.

O organismo, presidido por Cani Fernández, sinalou que en caso de confirmarse as prácticas anticompetitivas, constituirían unha infracción dos artigos 2 (abuso de posición de dominio) e 3 (falseamento da libre competencia por actos desleais) da Lei de Defensa da Competencia.

Así mesmo, indicou que as inspeccións son un paso preliminar no proceso de investigación das supostas condutas anticompetitivas e non prexulgan o resultado da investigación nin a culpabilidade das entidades.

No caso de que como resultado das inspeccións se atopasen indicios de prácticas anticompetitivas prohibidas pola Lei de Defensa da Competencia, procederíase á incoación formal dun expediente sancionador.

As citadas prácticas poderían considerarse unha infracción moi grave da lei de competencia, con multas de até 10% do volume de negocio total das empresas infractoras no ano anterior á imposición do castigo.

Incremento de beneficios

As presuntas prácticas anticompetitivas danse nun sector, o enerxético, no que as catro principais empresas do Estado español (Iberdrola, Repsol, Endesa e Naturgy) gañaron no último ano 12.800 millóns de euros, 41% máis que en 2021. De feito, as eléctricas Iberdrola e Naturgy non gañaron nunca tanto diñeiro como en 2022.

Comentarios