A CIG chama ás rúas o 1º de Maio para "collermos o noso propio camiño porque PP e UE non nos representan"

Partido Popular-Unión Europea, menos dereitos e máis pobreza é o lema con que a central nacionalista concorrerá ás mobilizacións convocadas en todas as cidades, cun protesto central que se desenvolverá en Vigo

photo_camera Un 1º de Maio en Vigo [Galiza-CIG]


"Coller o noso propio camiño, porque nin o Goberno español nin o PP nin a UE nos representan".

É o chamado que, ás portas do 1 de Maio, fixo o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, nunha rolda de imprensa en que a central nacionalista presentou as mobilizacións convocadas en todas as cidades do País, cun protesto central en Vigo, para reivindicar os dereitos da clase obreira galega. 

"A saída da crise hai que conquistala. Hai que tirar abaixo este goberno, forzar a súa dimisión, e levar ao poder en Galicia e no Estado a forzas que sexan sensibles aos intereses da clase traballadora", avanzou Seixo. E para a conquistar, a CIG propúxose sinalar co dedo os culpábeis desta ofensiva en contra dos dereitos laborais e das condicións de vida cun lema taxativo: Partido Popular-Unión Europea, menos dereitos e máis pobreza

Por suposto, hai alternativas a esta dualidade PP-UE: un sistema fiscal, o incremento do investimento público en servizos e infraestruturas, unha banca pública de noso e empresas públicas que xestionen sectores estratéxicos como a enerxía, as telecomunicacións ou a vivenda, sen esquecer a mellora dos salarios e das condicións laborais.

Políticas que reflicten "o carácter elitista e burgués do PP"

"O goberno están en mans da banca e do capital financeiro, sobre todo dos bancos alemáns", denunciou o secretario xeral da CIG, arremetendo máis unha vez contra UE, PP e Goberno español porque "seguen a insistir nas mesmas políticas desde o inicio da crise, dirixidas todas elas contra a clase traballadora e os sectores máis desfavorecidos da sociedade e deixando claro o carácter elitista e burgués do Partido Popular".

Fronte ao "pesimismo" que comeza a callar na Galiza, Seixo chamou á "acumulación de forzas na esquerda" para que a resposta sexa proporcional á agresión que se está a producir en contra da clase traballadora. "Galiza non está mellor que o resto do Estado", espetou, botando por terra o principal argumento do Goberno galego para xustificar as súas políticas. A cifra de desempregad@s no País camiña axiña cara ás 300.000 persoas e o tecido produtivo galego segue a se desmantelar en todos os sectores básicos da economía galega. 

Por todo isto, a CIG quere que nos vindeiros meses se convoque máis unha folga xeral. Porén, "parece que outras centrais non están pola labor", sinalou, en referencia aos sindicatos CC OO e UGT. Ao fío, Seixo concluíu taxativo: "temos que deixar de facer folgas só cando nos veñen de recortar un dereito".


MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS
 

  • A Coruña: ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo
     
  • Ferrol: ás 12:00 horas desde a Avda de Esteiro
     
  • Lugo: ás 12:00 na Ronda da Muralla (a altura do Edificio Sindical)
     
  • Ourense: dende o Pavillón dos Remedios ás 12.00 horas
     
  • Pontevedra: dende a Praza da Ferrería ás 12.00 horas
     
  • Santiago: 12:30 horas na Praza Roxa
     
  • A Estrada: dende a Praza do Concello ás 12.00 horas
     
  • A Mariña: ás 12:00 horas dende o local da CIG (Avda. Arcadio Pardiñas, 137)
     
  • Vilagarcía: dende a Casa do Mar ás 11.00 horas
     
  • Ribeira: 12:00 horas, da Praza do Peixe
     
  • Manifestación central en Vigo: cruce da Doblada con Urzaiz ás 11.30 horas

Comentarios