xoves 24/09/20

823 empresas abandonaron Galiza desde o ano 2013

Facturaban por volta de mil millóns de euros.
823 empresas abandonaron Galiza desde o ano 2013

Núñez Feixoo foi unha das voces que máis alto se alarmaron en 2017 do cambio de domicilio social de empresas catalás a outros territorios do Estado, consecuencia -insitía- do procés. Mais, tiña, e ten, motivos o presidente galego para dar leccións? En apenas sete anos abandonaron Galiza con destino a outras autonomías máis de 800 sociedades.

O propio Feixoo é consciente dese problema, focalizado en que gran parte desas empresas deixan Galiza para pasar a ter o seu domicilio en Madrid. De feito, en 2014 o Goberno galego que el preside ordenou á Axencia Tributaria Galega que activase un plan de inspección sobre a fuga de empre-sas localizadas na Galiza a Madrid, atraídas pola eliminación de trabas ou a menor presión fiscal. Os resultados desa inspección non se fixeron públicos.

En total, e segundo os dados de Informe D&B, entre 2013 e o terceiro trimestre de 2019 (os últimos dados publicados), abandonaron Galiza un total de 823 empresas. En todos os exercicios, Madrid foi o destino preferente destas sociedades. 

 Nos últimos anos, 2017, 2018 e 2019, foron máis as firmas que viñeron a se asentar a Galiza das que marcharon: 132 en 2017, 176 en 2018 e 161 nos tres primeiros trimestres de 2019.

Entón, non é este un balanzo positivo? Pode presentarse así mais outro dato a ter en conta é o que arrefría ese entusiasmo: o de facturación das empresas.

Centos de millóns

Se miramos o volume de vendas vemos que as empresas que marcharon da Galiza tiñan moito mellor rexistro que as que entraron. As sociedades que abandonaron Galiza por outros territorios do Estado sumaban por volta de mil millóns de euros, mentres as que viñeron a se instalar represen-tan bastante menos.

As 126 firmas que cambiaron en 2019 o seu domicilio da Galiza a outra autonomía supoñían 207 millóns de euros mentres que as que optaron por se asentar aquí procedentes doutros territorios supoñen 81 millóns, o que supón 126 millóns menos.

Igual acontece en 2018: as que marcharon, movían 100 millóns de euros; as que viñeron, algo máis de 90 millóns.

En 2017 a fenda entre a facturación das que abandonaron Galiza e as que viñeron era de 10 mi-llóns de euros.

comentarios