Fútbol

Xaque da Comisión Europea ao fútbol modesto: adeus ao céspede artificial con caucho

Bruxelas dá un prazo límite de oito anos para suprimir este material dos campos de fútbol por consideralo contaminante.
A Federación Galega de Fútbol estima en 400 os terreos sintéticos na Galiza. Na imaxe, o do Redondo, en Montrove (Oleiros). [Foto: Unión Campestre FC]
photo_camera A Federación Galega de Fútbol estima en 400 os terreos sintéticos na Galiza. Na imaxe, o do Redondo, en Montrove (Oleiros). [Foto: Unión Campestre FC]

O fútbol base e o feminino observan con dúbidas e incertezas a medida da Comisión Europea de impor a fin, nun prazo máximo de oito anos, ao uso do caucho nos campos de céspede artificial por consideralos contaminantes. Desde hai aproximadamente 15 anos, Administracións Públicas e federacións deportivas lanzáronse a unha carreira desaforada para substituír os vellos campos de fútbol de terra polos de céspede artificial.

Segundo explicou a Real Federación Galega de Fútbol a Nós Diario, na actualidade son aproximadamente 400 en todo o país, sendo "99% os afectados por esa medida, xa que practicamente todos levan caucho".

Ese caucho, que procede de pneumáticos reciclados, é o material que se emprega como amortiguación da superficie, e para a Comisión Europea é un contaminante do aire e a auga, algo que tamén reflicte a tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela do químico Daniel Armada, que se ben considera que "os niveis de hidrocarburos policíclicos romáticos (PAHs) non supoñen un risco elevado para a saúde, non implica que non exista".

A RFGF considera que a medida, "que non só afecta á Galiza", é "un problema internacional", polo que están "á espera" do que se diga "nos máximos órganos federativos".

Temor no fútbol base

O céspede artificial é unha superficie moi criticada por favorecer lesións nas articulacións, pero Raúl Vázquez, presidente do Unión Campestre de Oleiros e asembleísta da Federación Galega, indica que no fútbol máis modesto "non hai elección", pois a herba natural é "inviábel" polo custe do seu mantemento e o uso extensivo ao que se lle sometería.

"Xa hai outros materiais alternativos ao caucho, como a cortiza ou a fibra de coco, pero ningún dos dous funciona demasiado ben, un porque voa e o outro porque fai que o campo sexa moito máis duro", sinala, o que podería facer que propiciase "aínda máis lesións". O dirixente lamenta que desde Europa non ofrezan "opcións", e mostra a súa preocupación polo escenario que agora se abre.

As mulleres, prexudicadas

O Real Club Deportivo da Coruña perdeu esta pasada fin de semana o liderado da Primeira Federación na Cidade Deportiva Dani Jarque ante o Espanyol de Barcelona logo de perder por 1 a 0.

A acción estivo totalmente condicionada por un céspede artificial en pésimo estado a causa do dioivo caído durante o descanso e que obrigou á colexiada a parar o encontro durante case 50 minutos. 

Independentemente da climatoloxía, as deficiencias no mantemento duns terreos que deben ser regados sempre antes de usarse e esixen como mínimo un peinado anual, un proceso que realiza unha máquina para aspirar o caucho vello, botar un novo e levantar o campo, está pasando factura en forma de lesións, especialmente ás futbolistas.

Elas, a diferenza do que acontece nas categorías de elite masculinas, compiten case sempre sobre céspede artificial, o que está contribuíndo, como se analizou nunha recente reportaxe nestas mesmas páxinas de Nós Diario, á praga de lesión nos xeonllos que asolaga o fútbol feminino.

Comentarios