Verdades e mentiras da praga de lesións no fútbol feminino

Analizamos que se agocha detrás da pandemia de xeonllos mancados.
Pauleta, unha das grandes 'cracks' galegas, posa despois de ser operada para reparar o cruzado. (Foto: Paula Domínguez),
photo_camera Pauleta, unha das grandes 'cracks' galegas, posa despois de ser operada para reparar o cruzado. (Foto: Paula Domínguez)

As mulleres futbolistas sofren até 300% máis lesións graves nos xeonllos que os homes, unha cifra demoledora que obriga a tratar de botar luz sobre as súas causas. Hai un par de meses, unha das mellores futbolistas galegas, Paula Domínguez 'Pauleta', sentiu nun encontro das semifinais da Copa de Portugal que disputaba co seu Benfica como "todo se trababa repentinamente" dentro do seu xeonllo esquerdo. Diagnóstico? Rotura do ligamento cruzado, que se traduce nun período de inactividade que se estenderá até final de ano.

Pauleta engadía así o seu nome ao dun cada vez máis extenso rexistro que levantou todas as alarmas no seo do fútbol feminino, o de xogadoras que sofren graves lesións de xeonllo e, en menor medida, de nocello. 

Só en 2022, 63 futbolistas das seis mellores ligas do mundo -americana, española, inglesa, alemá, francesa e italiana-, viviron roturas do ligamento cruzado anterior, cifra de por si xa estratosférica que non inclúe outras tan graves como a do ligamento lateral interno, de menisco ou a de todas as anteriores xuntas, a tan temíbel "triada". 

Un recente estudo do Instituto Cugat de Barcelona chegou á conclusión de que as mulleres padecen até un 300% máis este tipo de lesións que os seus homólogos masculinos, un dato demoledor que obriga a preguntarse se detrás hai exclusivamente razóns físicas ou a fría estatística agocha algo máis.

Factores "múltiples"

Cuestionado sobre este tema por Nós Diario, o experto da Universidade Europea do Atlántico, Carlos Lago Fuentes, explica que son "múltiples" os factores que explican esta praga de lesións. Este ourensán é o autor dunha tese doutoral que leva por título Optimización do rendemento físico-deportivo en fútbol sala feminino: desde a epidemioloxía lesional a unha proposta de intervención e na que, entre outras cuestións, evidenciou o importante peso estatístico que representan as lesións que se producen sen contacto de ningún tipo, algo que el achaca a "unha falta de base de anos de traballo na preparación física das xogadoras".

"Atopámonos ou ben con futbolistas moi novas que se enfrontaban a exixencias neuromusculares moi altas, propias do que demanda unha Primeira ou unha Segunda División, ou ben que non tiñan o suficiente bagaxe de adestramento condicional detrás, o que en non poucas ocasións conflúe en lesións musculares, incluso ligamentosas, como escordaduras, porque non están preparadas", apunta.

Aínda que a súa investigación está enfocada no eido do fútbol sala, Lago Fuentes non fuxe das cuestións sobre unha disciplina con tantas características comúns como é o fútbol '11', pois en ambas "hai moitísimos saltos, desequilibrios no aire... que poden facer que as xogadoras teñan que aterrar no chan a velocidades moi altas, e a nivel articular os dous puntos máis expostos son os xeonllos e o nocello".

"Ademais -engade-, a activación muscular é diferente nos homes e nas mulleres, o que leva a que elas estean máis expostas a ese tipo de lesións, sen esquecer tampouco o nivel de masa muscular ben adestrada, que é un elemento preventivo e que nas mulleres adoita ser menor".

Outro factor ao que se pode apoñer que tantas futbolistas abandonen o terreo de xogo mancadas de gravidade nos últimos tempos son a superficie na que se disputan os partidos e o calzado que empregan: "O tipo de tacos e de botas inflúen, así como o estado e o tipo de céspede. E temos que recoñecer que, por desgraza, os campos nos que se adoita xogar no fútbol feminino ou son de céspede artificial ou non teñen un coidado como os dos homes".

O veo de silencio do eterno tabú

A selección inglesa de fútbol leva vestindo con camiseta e pantalóns brancos desde a súa estrea, en 1872. Un século máis tarde, en 1972, debutaba o combinado feminino, que adoptou as cores dos seus homólogos masculinos.

Porén, o pasado mes de abril deste ano a Football Association confirmou que de cara ao inminente Mundial de Australia e Nova Zelandia vestirán con pantalón azul, respondendo así a unha demanda das xogadoras, que manifestaron en repetidas ocasións a "ansiedade" que lle provocaba ter que xogar con pantalóns brancos cando tiñan a menstruación.

O experto consultado por Nós Diario avala esta medida citando un estudo centrado no rugby, no que se evidencia que "hai mulleres que senten vergoña ou inseguridade por saltar ao terreo de xogo con pantalóns claros durante a fase de sangrado, o que non só inflúe no rendemento, senón que tamén aumenta o risco de lesións, xa que a concentración é fundamental na toma de decisións".

Mais, canta, se existe, é a influencia directa do ciclo menstrual nas lesións das futbolistas? É un mito ou unha realidade? Para Carlos Lago "a día de hoxe, non hai evidencia científica suficiente para dicir que nalgún dos momentos do ciclo menstrual hai menor ou maior risco de lesións". 

"Si que se sabe, como digo na miña tese, que nalgunhas das fases hai algo máis de laxitude ligamentosa, é dicir, que se favorece a inestabilidade das estruturas articulares do xeonllo, o que xustifica en teoría que en certos momentos do ciclo menstrual exista maior risco de lesión, especialmente a nivel de ligamentos", engade o profesor ourensán, que recoñece, como en practicamente todos os eidos relacionados co deporte feminino, que queda "moito traballo por facer".

Comentarios