Vero Boquete participa na reunión da UEFA Football Board

Foi seleccionada polos seus "logros" e a súa "sólida reputación internacional" e "ampla experiencia".
A compostelá Vero Boquete, que dá nome ao estadio de San Lázaro, é unha das grandes referentes do fútbol galego. (Foto: Europa Press)
photo_camera A compostelá Vero Boquete, que dá nome ao estadio de San Lázaro, é unha das grandes referentes do fútbol galego. (Foto: Europa Press)

A futbolista galega Vero Boquete foi unha das 19 persoas que participaron na xuntanza da UEFA Football Board que tivo lugar na xornada de onte na Casa do Fútbol Europeo de Nyon (Suíza), onde debatiron sobre diversos temas relacionados co fútbol feminino.

Segundo explicou o organismo reitor do deporte rei a nivel continental, a lendaria xogadora compostelá -que actualmente milita na Fiorentina italiana-, así como o resto das participantes -entre as que destacan a catalá Alexia Putellas, a sueca Magdalena Eriksson ou as inglesas Karen Carney, Gemma Grainger ou Leah Williamson- foron escollidas polos seus "destacados logros en clubs ou seleccións nacionais, a súa sólida reputación internacional e a súa ampla experiencia".

O presidente da institución, Aleksander Čeferin, destacou que Vero Boquete e o resto dos membros deste consello creado o pasado mes de abril "xogarán un papel fundamental para garantir o crecemento continuo" da disciplina, así como un éxito sustentado "na inclusión, a igualdade e a excelencia".

Durante o encontro debateron sobre asuntos arbitrais, como a liña de intervención da UEFA, o VAR e as mans, ademais de temas relacionados coa competición e a medicina futbolística e a nova estratexia para o crecemento do fútbol feminino posterior ao ano 2024.

Comentarios