Vero Boquete volve cambiar de club e ficha pola Fiorentina

Décimo quinto equipo en 15 anos da compostelá.
Vero Boquete é a gran trotamundos do fútbol galego (Foto: AC Milán).
photo_camera Vero Boquete é a gran trotamundos do fútbol galego (Foto: AC Milán).

A mellor xogadora galega da historia cambia de aires. Verónica Boquete, que levaba nas filas do AC Milán italiano desde novembro de 2020, abandona a escuadra rossoneri para fichar por outro conxunto transalpino, a Associazione Calcio Firenze Fiorentina.

A entidade viola anunciou que o acordo durará até o final da presente tempada e que a compostelá xogará co número 87.

Ante esta noticia, Vero mostrouse "lista para un novo reto", e entusiasmada afirmou "non poder agardar para saír ao campo".

Detrás deste novo cambio de aires de Vero Boquete -que se traduce no seu décimo quinto cambio de club en 15 anos- semella estar a súa mala relación co seu técnico, Maurizio Ganz, algo que tamén parece influír na inminente partida da lendaria Valentina Giacinti.

Mais o da dianteira non é o único movemento salientábel no mercado futbolístico, pois o Real Club Deportivo confirmou que o lateral dereito de 29 anos Alberto Benito, que defendía as cores branquiazuis tan só desde xullo de 2021, pon rumbo a León para probar sorte na Cultural logo de participar unicamente en dous partidos ligueiros.

A LFP cambia o protocolo en relación coa Covid-19

Se na xornada de onte informábamos  que a repunta dos casos de Covid-19 estaba poñendo en xaque o mundo do deporte e a necesidade de afrontar a pandemia cunha óptica diferente a do verán de 2020, apenas 24 horas despois a Liga de Fútbol Profesional (LFP) fixo público un cambio nos seus protocolos.

Agora, os xogadores positivos nos últimos 90 días quedarán exentos dos tests diarios.

Comentarios