Un digno Depor perde ante o Madrid un partido da outra liga

Este partido era da outra liga. Non entraba nos prognósticos nen tan sequer o empate. Mentres o Madrid tivo a equipa B sobre o relvado, o Deportivo fíxolle as beiras á vitoria. Mas perdoou en exceso. Con Cristiano xa na cancha, o combo de Fernando findou por ceder os tres pontos.

O Deportivo estivo digno, intenso e competitivo. Mas aínda así continuou a amostrar as súas fraquezas, nomeadamente na zona de cobertura. Tampouco tivo a sorte de cara. As lesións -primeiro a de Silvio, logo a de Kaká- obrigaron a Fernando a improvisar. Bergantiños non é lateral nen Jesús Vázquez, central. Demasiadas facilidades para o Real Madrid.

No primeiro tempo, funcionou o apelo de Fernando á épica rossonera. A equipa estivo coas liñas moi xuntas e non deu opcións a Modric e compañía. Arriba Riki foi un tornado, mentres o corpo lle foi aguantando. Pizzi deixou ver a súa enorme clase nun par de lances polo carril esquerdo, cun eslalom precioso incluído, que mereceron ser gol.

O Deportivo tería de gañar o 61 por cento dos pontos en xogo no que fica de campionato para safar

O Depor perdou en exceso nos metros finais co 1-0 xa no taboleiro de marcas. O Real Madrid saiu vivo desa primeira metade e con poderosísimos ases na manga: no banquiño gardaban quenda Cristinao e Ozil.

Na segunda parte, o Deportivo acusou a canseira e o Real Madrid foi moi outro xa con CR7 sobre o relvado. As lesións de Silvio e Kaká impediron a Fernando dosificar os cambios tal e como tiña previsto no seu guión. Só lle quedaba unha bala na recámara, a de Nelson Oliveira, que entrou por un exhausto Riki. O avanzado portugués non achegou nada á súa equipa. A indolencia de Nelson é verdadeiramente exasperante.

Coa equipa moi atrás e os futbolistas clave desfondados era cuestión de tempo que o Madrid furase a baliza de Aranzubia. Kaká, cun espectacular dereitazo, e Higuaín sentenciaron.

Fican 13 partidos por diante. Moitos deles si que son da liga de Fernando. A permanencia é unha empresa posíbel, mas altamente improbábel. O Deportivo tería que gañar o 61 por cento dos pontos en xogo no que fica de campionato para safar.

Comentarios