venres 25/06/21

Última parada do tren do ascenso á Liga ACB para Básquet Coruña e Leite Río Breogán

Os galegos da LEB ouro xogan esta cuarta feira o terceiro partido das semifinais do 'play-off'
Salva Arco, capitán lucense, considera que a vitoria pasa por "controlar o ritmo do partido". (Foto: Palencia Baloncesto).
O Breogán, igual que o Básquet Coruña, están obrigados a gañar. (Foto: Palencia Baloncesto).

Leyma Básquet Coruña e Leite Río Breogán afrontan esta cuarta feira o terceiro e definitivo partido das semifinais da fase de ascenso á Liga ACB, conscientes de que só vale gañar se queren avanzar á finalísima e protagonizar un momento histórico para o baloncesto galego, no que dous equipos do país pelexarían pola única praza en xogo na máxima categoría.

Para iso terán que ser quen de superar Covirán Granada, no caso da escuadra coruñesa, e HLA Lucentum Alacante, no da lucense. O Leyma saltará á pista do Pazo dos Deportes granadino ás 21 horas, mentres que o Leite Río contará coa vantaxe engadida de facelo ante o seu público do Pazo Provincial dos Deportes ás 20.30 horas.

Ambos os conxuntos chegan a este escenario logo de non ser quen de fechar a eliminatoria na segunda data, pois caeron derrotados por 82-85, o cadro herculino, e por un contundente 77-66 o celeste.

Quen estivo máis preto de conseguilo foi un Básquet Coruña que xogou ante a súa afección no forno de Riazor e quedou a tan só catro puntos de concluír a eliminatoria, lastrado por un desastroso comezo de partido que se materializou no 13-26 que exhibía o electrónico ao final do primeiro cuarto. 

A partir dese momento, os xogadores de Sergio García cambiaron o chip e aumentaron a intensidade. Aos poucos foron impondo a súa identidade no campo e reducindo a diferenza, rematando así o segundo parcial con 36-44, unha desvantaxe de oito puntos que se reducía a só seis no terceiro cuarto (57-63). 

Lamentabelmente, e a pesar de que o equipo non deixou de intentalo en ningún momento, a defensa do Granada foi capaz de aguantar as arremetidas galegas e o choque rematou co devandito 82-85 que obriga a decidir a eliminatoria no terceiro encontro.

O terceiro cuarto acaba cos soños do Breogán

Máis lonxe do éxito estivo o outro representante da Galiza nas semifinais da LEB Ouro, o Leite Río Breogán, a pesar de que no tempo de descanso o marcador reflectía un empate a 36 puntos, logo de que os celestes anularan a pequena vantaxe que os alacantinos do HLA colleron nos intres iniciais do partido.

Porén, toda esperanza desapareceu nun estratosférico terceiro cuarto dos visitantes (31-12). O técnico do Breo, Diego Epifanio, recoñecería na rolda de prensa posterior ao partido que foi nese intre cando se lles escapou todo, xa que estiveron "descolocados", e laiouse polos seus "problemas" no rebote ofensivo. Porén, e a pesar de caer por 11 puntos (77-66), mostrouse optimista de cara á "corrección" deses erros no decisivo encontro desta cuarta feira.

comentarios