Un total de 75 competidores optan ao Rally de Narón

O veterano certame alcanza a súa edición 34.
(Foto: Rally de Narón).
photo_camera A carreira caracterízase pola súa espectacularidade. (Foto: Rally de Narón).

Narón acollerá esta fin de semana, concretamente desde a quinta feira, 9 de xuño, até o sábado día 11, a trixésimo cuarta edición do Rally Cidade de Narón, que reunirá 75 vehículos procedentes de practicamente todos os recunchos do Estado.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron o evento xunto con Moncho Padín, secretario da Escudería Siroco Narón e director da proba; Ramiro Fandiño, responsábel de Seguridade do rally; e José Vicente Medina, vicepresidente da Federación Española de Automobilismo, entre outros cargos e autoridades.

Ferreiro lembrou que a proba será puntuábel para a Copa de España de Rallys de asfalto Cera-Recalvi, e felicitou á Escudería Siroco Narón pola organización do evento, en colaboración co Concello e a Federación Galega de Automobilismo.

Ademáis de Narón, o rally discorrerá polos concellos de As Somozas, Cerdido, Monfero e Moeche. A maiores, na Praza da Galiza estivo o vehículo gañador da pasada edición desta proba, o Ford Fiesta R5 MKII do asturiano Óscar Palacios, e en representación da Escudería Siroco Narón exhibíronse o BMW M3 de Fernando Rico e o Ford Escort RS MKII de Javier Bouza. Os irmáns Sergio e Diego Vallejo, Víctor Senra, Luís Vilariño e Francisco Dorado, entre outros, conformarán a delegación galega nesta edición.

A distancia total do percorrido será de preto de 400 quilómetros distribuídos en 10 tramos cronometrados. Con respecto á programación, na quinta feira levaranse a cabo as verificacións administrativas e técnicas no polígono de Río do Pozo, onde tamén se situará o parque de asistencias. Xa na sexta, pola mañá, desde as 9.30 horas, será o shakedown para equipos, e pola tarde terán lugar os dous primeiros tramos do rally, concretamente a partir das 17.00 horas.

Na xornada do sábado pola mañá os coches volverán correr, neste caso a partir das 9 horas e por lugares como Boucido, As Barcelas ou o Pedroso, últimas paradas dun torneo que terá a cerimonia de entrega de trofeos ás 16.15 horas nas inmediacións do Centro Comercial Odeón.

O obxectivo, tal e como salientou Moncho Padín, é "facer un rally máis grande, similar a un súpercampionato", que puxo en valor "a calidade dos vehículos e pilotos" participantes.

Comentarios