Todos os detalles dos partidos da fin de semana dos equipos galegos de fútbol

Previas dos encontros do Racing de Ferrol, Dépor masculino e feminino, Lugo, Arenteiro e Celta Fortuna.
O Dépor feminino xogará por vez primeira un partido oficial en Riazor. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O Dépor feminino xogará por vez primeira un partido oficial en Riazor. (Foto: RC Deportivo).

Asaltará o Rácing os postos de 'play-off?'

Na Segunda División, o Rácing Club de Ferrol, o equipo revelación da categoría, podería asaltar uns postos de play-off dos que está separado por un só punto se consigue superar o Mirandés  en Anduva a partir das 18.30 horas de hoxe.

Os do Ebro son un bloque que, a pesar da xuventude que caracteriza os seus futbolistas, acumula cinco partidos sen perder entre Liga e Copa, salientando o técnico dos Diaños Verdes, Cristóbal Parralo, a "calidade" e o "bo facer" dos Carlos Martín, Chaira e compañía. 

Ademais, o cordobés  mostrou na rolda de prensa previa ao encontro a súa "tranquilidade", en referencia ao interese de varios dos tiburóns da Segunda e mesmo de escuadras da Primeira por varios dos seus xogadores, casos de Carlos Vicente ou Bernal.

O Dépor, a superar a crise aberta de novo en Irún

Con respecto á terceira categoría, o Real Club Deportivo da Coruña masculino está obrigado a gañar hoxe (Riazor, 19 horas) ao Logroñés para fechar a fonda crise aberta logo do 3-0 da pasada fin de semana en Irún, mentres que as súas homólogas do feminino, que polo contrario comandan a Primeira Federación con puño de ferro, faran historia xogando por primeira vez en Riazor un partido oficial, ante o Alavés mañá ás 17 horas. 

Pola súa parte, o Celta Fortuna, que tamén tropezou, no seu caso contra o fechacancelas Sestao, aspira a volver engancharse ao liderado mañá ás 16 horas da tarde (Barreiro) contra Unionistas de Salamanca.

O mesmo obxectivo comparte un Lugo inmerso nunha extraordinaria xeira de resultados e que, se supera á Cultural Leonesa (mañá, Ángel Carro, 17 horas) ten todos os papeis para conectar, por fin, coa zona de play-off, unha meta que queda moi lonxe aínda para un Arenteiro que recibe hoxe ás 18 horas en Barreiro o líder, a Real Sociedade B.

Comentarios