Fútbol

A PREVIA | San Mamés e o árbitro Pulido Santana, obstáculos do Celta para volver gañar

A escuadra celeste busca ante os 'leóns' o seu segundo triunfo ligueiro.
Mingueza, xa consolidado no centro do campo, deberá mellorar a súa puntería para non volver desaproveitar oportunidades de gol. (Foto: Europa Press).
photo_camera Mingueza, xa consolidado no centro do campo, deberá mellorar a súa puntería para non volver desaproveitar oportunidades de gol. (Foto: Europa Press).

A enésima polémica arbitral sufrida polo Celta, a pasada fin de semana ante o Sevilla, levou aos seareiros e seareiras celestes a canalizar a súa frustración a través dunha enquisa de Nós Diario na que manifestaban de forma maioritaria (máis de 90% votaron a favor) o seu desexo de abandonar a competición española para integrarse na lusa.

Ese anhelo chegou aos medios de comunicación portugueses, facéndose eco cabeceiras como O Jogo, Récord ou Jornal de Noticias. Nas súas respectivas caixas de comentarios, seguidoras de conxuntos tan diversos como Benfica, Porto, Sporting ou Braga mostráronse dispostas a acoller o Celta no seu torneo, mais entre chanzas resaltaban que se a causa principal desa migración eran as arbitraxes, en Portugal non ían atopar mellor nivel.

Precisamente pola actuación do colexiado están preocupados tamén en Bilbao, pois no Athletic, próximo rival do Celta (San Mamés, hoxe, 21 horas), temen que a causa da non escrita Lei da Compensación coa que desde as orixes dos tempos opera o colectivo arbitral acaben "pagando os pratos rotos" dos sucesivos erros que prexudicaron o Celta nas últimas semanas, como resaltou o león Óscar De Marcos.

Pero, como se adoita dicir, para a cabra cega todo o monte é longo, e os prexuízos arbitrais non poden ocultar os erros propios dun conxunto que non acaba de dar coa tecla e que está na zona baixa da táboa, tamén, por méritos propios.

"Seguiremos pelexando contra vento e marea"

Na rolda de prensa previa ao partido, o preparador olívico, Rafa Benítez, puxo a venda antes que a ferida recordando que viaxa a Euskadi con seis homes que arrastran problemas físicos (Kevin Vázquez, Luca De la Torre, Franco Cervi, Carles Pérez, Mihailo Ristić e Tasos Douvikas), o que, non obstante, afirmou que non será óbice para que tanto el como os seus sigan "pelexando contra vento e marea". 

Ademais, o madrileño fixo un chamamento a deixar de lado "os factores externos" e a centrarse estritamente nas cousas nas que poden "influír", como "preparar ben os partidos, adestrar ben ou  ser competitivos até o final", apoiando a directiva na súa decisión de non falar dos árbitros e indicando que o mellor é "remar todos xuntos como club". 

Unha vez máis, e como é habitual nel, Benítez non quixo anticipar quen serán os 11 futbolistas que salten ao terreo de xogo para tratar de lograr a primeira -e única- vitoria ligueira do Celta desde o 1 de setembro, cando superou o Almería no Estadio Xogos do Mediterráneo por 2-3.

Tendo en conta os problemas físicos de varios dos activos celestes, e o feito de que o ex preparador de Liverpool, Real Madrid ou Inter de Milán non adoita repetir once inicial desde a súa chegada a Balaídos, quen asina estas liñas é consicente de que aventurarse a ofrecer un equipo ten o mesmo risco que conducir cun ollo tapado e unha man atada ás costas, pero non é descartábel que Benítez opte de novo por Guaita na portería, cunha defensa de catro conformada por Kevin, Starfelt, un Unai Núñez que regresa á súa antiga casa e Manu Sánchez; Bamba, Sotelo, Fran Beltrán e Mingueza, xa consolidado como centrocampista; con Larsen e Aspas na punta de ataque.

San Mamés non é un campo favorábel aos intereses celestes

A diferenza do Celta, o Athletic está asinando un inicio de tempada moi sólido, consolidado en postos europeos e cunha soa derrota en San Mamés até o de agora, e contra o Real Madrid. No fogar dos leóns a escuadra celeste non adoita obter moi bos resultados, pois a pesar de imporse en dúas das súas tres últimas visitas (2020 e 2022), o rexistro histórico indica que só foi quen de vencer en 30 dos 114 partidos de Primeira que disputou en Bilbao.

Comentarios