Fútbol

Máis de 90% do celtismo non pode estar equivocado: o futuro está en Portugal

Unha enquisa de 'Nós Diario' destapa o maioritario apoio á migración.
O enésimo escándalo arbitral sufrido polo equipo o sábado contra o Sevilla foi a gota que debordou o vaso da paciencia olívica. (Foto: RC celta).
photo_camera O enésimo escándalo arbitral sufrido polo equipo o sábado contra o Sevilla foi a gota que debordou o vaso da paciencia olívica. (Foto: RC celta).

"Que malos sodes! Sempre o mesmo!". As palabras, que podería subscribir calquera seareiro ou seareira do Real Club Celta de Vigo, subscribiunas, segundo recolleu na súa acta o ínclito colexiado Hernández Hernández, o preparador físico celeste, Álex Andújar, polo que é moi posíbel que reciba un castigo que podería estenderse até os dous castigos de suspensión.

A impotencia e a cólera de Andújar foi tan só unha pequena mostra dun sentimento xeral de aldraxe que comezou antes incluso do choque do pasado sábado entre o Sevilla e o conxunto celeste, tanto que a afección levou a cabo unha protesta colectiva no minuto 12 do mesmo en forma de asubíos contra as arbitraxes que veñen padecendo.

Lonxe de servir para algo, a Alejandro José Hernández Hernández non lle tremeu o pulso para expulsar Renato Tapia no minuto 64 e para anular un penalti sobre Douvikas no último segundo de partido sinalado inicialmente por el mesmo logo dunha esperpéntica e errónea utilización da ferramenta do VAR.

Moi canso, José Méndez, presidente da Federación de Peñas Celtistas, expresou para Nós Diario o fastío dos e das seguidoras por esta situación coas arbitraxes: "Aquí non hai nada que rascar, se protestas, prexudícante; e senón, prexudícante máis, incluso ao filial [en referencia á derrota do Celta Fortuna contra o fechacancelas Sestao por un penalti inxusto sinalado polo colexiado Ozueta Rodríguez]".

Méndez non oculta o seu desacougo pola situación, apuntando que pese a que con anterioridade non pensaba que "fosen a polo Celta", agora xa non sabe "que crer" ao respecto.

Un futuro luso?

Ante este escenario, Nós Diario formulou no seu dixital unha enquisa na que preguntaba aos seareiros e seareiras olívicas  se apoiarían a posibilidade de facer as maletas e migrar á liga portuguesa, á que máis de 1.000 persoas responderon cun "si" maioritario, opción votada, no momento de escribir estas liñas, por 92,56% das usuarias.

Esta "enquisa da indignación", como a definiu o presidente da Federación de Peñas Celtistas, evidencia un enfado crecente e indisimulado que se converteu no mono-tema de conversación á saída de Balaídos logo do encontro contra o Sevilla.

Non obstante, as posibilidades de que o Real Club Celta chegase a xogar na competición lusa son moi escasas. As razóns son múltiples, sendo a principal que para que un equipo deixe un campionato -neste caso, o español- para ingresar no doutro país resulta imprescindíbel a autorización dos organismos reitores do fútbol a nivel internacional, a UEFA e a FIFA, quen  no artigo 80 dos seus estatutos limita estes movementos a "circunstancias excepcionais".

Ademais, ambas, previamente reclamarían as opinións das Federación nacionais implícadas, polo que resultaría vital tanto o interese da portuguesa en recibir o Celta como a autorización da española ao seu adeus, algo bastante pouco probábel, e máis tendo en conta que sentaría un precedente que poderían empregar os seus dous grandes transatlánticos -Real Madrid e Barcelona- para migrar a unha liga máis competitiva, rica e global como é a Premier League inglesa.

Comentarios