"Adeptos do Celta querem que o clube se mude para a liga portuguesa": así recolle a prensa lusa a enquisa de 'Nós Diario'

'O Jogo', un dos principais xornais deportivos de Portugal, reaccionou á enquisa realizada por 'Nós Diario'. 
Iago Aspas lidera os futbolistas galegos no conxunto celeste desde o seu regreso a Vigo no ano 2015 (Foto: RC Celta).
photo_camera Iago Aspas lidera os futbolistas galegos no conxunto celeste desde o seu regreso a Vigo no ano 2015 (Foto: RC Celta).

"Os adeptos do Celta estão fartos de ver a sua equipa perder pontos devido a arbitragens que consideram más. Aliás, muitos deles acreditam que a La Liga está a prejudicar o conjunto de Vigo deliberadamente e há mesmo quem defenda que o clube deve deixar de jogar no campeonato espanhol e mudar-se para a liga portuguesa", esa é a conclusión á que chega O Jogo, un dos principais xornais deportivos de Portugal, froito da enquisa realizada por Nós Diario

Este xornal formulou no seu dixital unha enquisa na que preguntaba aos seareiros e seareiras olívicas se apoiarían a posibilidade de facer as maletas e migrar á liga portuguesa, á que máis de 1.000 persoas responderon cun "si" maioritario, opción votada, no momento de escribir estas liñas, por 91.37% das persoas usuarias.

"Os promotores da migração do Celta para a liga portuguesa não só defendem esta ideia devido aos erros de arbitragem de que têm sido alvo, mas também por razões como a proximidade geográfica, a afinidade cultural e a existência de maiores hipóteses de conquistar um título de prestígio para exibir no seu palmarés", prosegue O Jogo no seu artigo.

“A polémica gerada pela utilização do VAR no jogo entre o Celta e o Sevilha deixou os adeptos do Celta furiosos. Se possível, apoiaria o Celta de Vigo a jogar na liga portuguesa?”, recolle o xornal luso sobre a enquisa lanzada por Nós Diario a raíz do enfado entre os seareiros celtiñas con motivo dos arbitraxes sufridos polo equipo na actual temporada.

"A polémica xerada polo cuestionábel uso do VAR no partido do sábado entre o Celta e o Sevilla ten os seareiros celestes furiosos. Son moitos os puntos que os vigueses levan perdidos por mor dos árbitros esta temporada e por iso, parte do celtismo pide ao club xogar na Liga Nós portuguesa. Non é tan fácil como simplemente pedilo mais, de ser posíbel, apoiarías que o Celta de Vigo xogase na liga portuguesa?", esa foi a redacción exacta da pregunta realizada por Nós Diario ás persoas usuarias, que resultou con máis de 90% de apoio á mudanza de competición.

Esta "enquisa da indignación", como a definiu o presidente da Federación de Peñas Celtistas, José Méndez, evidencia un enfado crecente e indisimulado que se converteu no mono-tema de conversación á saída de Balaídos logo do encontro contra o Sevilla.

Non obstante, as posibilidades de que o Real Club Celta chegase a xogar na competición lusa son moi escasas. As razóns son múltiples, sendo a principal que para que un equipo deixe un campionato -neste caso, o español- para ingresar no doutro país resulta imprescindíbel a autorización dos organismos reitores do fútbol a nivel internacional, a UEFA e a FIFA, quen no artigo 80 dos seus estatutos limita estes movementos a "circunstancias excepcionais".

Ademais, ambas, previamente reclamarían as opinións das Federacións implícadas, polo que resultaría vital tanto o interese da portuguesa en recibir o Celta como a autorización da española ao seu adeus, algo bastante pouco probábel, e máis tendo en conta que sentaría un precedente que poderían empregar os seus dous grandes transatlánticos -Real Madrid e Barcelona- para migrar a unha liga máis competitiva, rica e global como é a Premier League inglesa.

Comentarios