Fútbol | 1ª División

A PREVIA | Todo sobre o Celta-Betis desta cuarta feira

Os celestes reciben o Betis coa intención de obter a súa segunda vitoria consecutiva.
Gabri Veiga, agora no fútbol saudita, foi o autor do único tanto no Celta-Betis da pasada tempada. (Foto: EP).
photo_camera Gabri Veiga, agora no fútbol saudita, foi o autor do único tanto no Celta-Betis da pasada tempada. (Foto: EP).

Ano novo, vida nova? Non dependerá de se Benítez e os seus pupilos comeron en tempo e forma as 12 uvas ou entraron en 2024 tapando as súas vergonzas con calzóns de cor vermella, non.

O triunfo no primeiro partido do ano está subordinado exclusivamente a se coidaron a dieta nesta época de excesos alimenticios,  adestraron como é debido e estudaron correctamente a un rival, o Real Betis, que a estas alturas conta con máis do dobre dos puntos que a escuadra celeste, pois suma un total de 28 que o elevaron até a sétima posición por só 13 dun Celta que, pese a gañar no derradeiro encontro de 2023 en Balaídos, ocupa o penúltimo posto na táboa.

Nese espello do triunfo sobre o Granada o 16 de decembro -que puxo fin a unha xeira de catro meses sen gañar na competición da regularidade- queren mirarse en Vigo para derrotar a formación heliopolitana no coliseo olívico a partir das 19.15 horas de hoxe.

O rival, pese á súa teórica superioridade, parece idóneo para conseguilo, pois o Betis reduce exponencialmente as súas prestacións lonxe do Benito Villamarín, onde só conseguiu nove dos seus 29 puntos. Ademais, a historia revela que Balaídos é un terreo de xogo especialmente complicado para os intereses verdibrancos, pois nos 32 partidos que disputaron Celta e Betis alí até o momento os visitantes só foron quen de imporse en nove deles, empatando en oito ocasións e caendo derrotados en 15.

Para demostrar que as estatísticas (non) están para rompelas, Rafa Benítez confeccionou unha convocatoria de 23 homes na que son baixa, ademais do lesionado de longa duración Joseph Aidoo,  os mancados Mihailo Ristić, Carl Starfelt e un Jonathan Bamba que xa puxo rumbo á Copa África para defender as cores do seu país, Costa de Marfil.

Ante estas sensíbeis ausencias Benítez recorreu aos canteiráns Javi Rodríguez e Hugo Álvarez, así como a un Iago Aspas que regresa ás listaxes do madrileño unha vez cumprida a súa sanción. Con todo, a principal novidade é a do pivote brasileiro Jailson, flamante fichaxe celeste que podería contar cos seus primeiros minutos contra o Betis, tal e como confirmou en rolda de prensa un Benítez que salientou a polivalencia dun xogador "que tamén pode actuar no centro da defensa, tal e como demostrou no Fenerbahçe".

Tendo en conta todo o anterior, o Celta podería formar de inicio con Vicente Guaita na portería; Kevin, Unai Núñez, Carlos Domínguez e Manu Sánchez na defensa; Tapia, Dotor, Minguez e Cervi no centro do campo; e con Iago Aspas e Larsen na punta do ataque. O grego Tasos Douvikas, unha vez máis, semella condenado a esperar unha oportunidade desde o banco dos suplentes.

Comentarios