Fútbol

O Celta olla cara o Brasil para reforzar o centro do campo: Jailson, primeira fichaxe de Garcés

O futbolista brasileiro desvinculouse do Palmeiras após proclamarse campión nunha campaña na que a súa participación foi practicamente testemuñal. Agora chega a Vigo en calidade de axente libre.
Jeilson_Benvida_16x9-768x432
photo_camera Jailson Marques posando hoxe coa súa nova equipación. (Foto: RC Celta)

A saída de Gabri Veiga en agosto deixou un importante buraco no mediocampo do Celta que Rafa Benítez non logrou encher no primeiro treito da tempada e que debilitou considerabelmente a medular, tanto a nivel ofensivo como en defensa. Atopar un reforzo de calidade foi a principal demanda do técnico de cara ao mercado invernal e o equipo directivo que agora encabeza Marián Mouriño decantouse por un procedente da liga brasileira: Jailson Marques.

O centrocampista, de 28 anos, desvinculouse do Palmeiras este mesmo mes logo de proclamarse campión nunha campaña na que a súa participación foi practicamente testemuñal: 672 minutos xogados en 26 partidos entre todas as competicións, sen ningún gol na súa conta particular e cunha asistencia en liga. Jailson foi visto na mañá desta quinta feira entrando na Sede que os celtiñas teñen na céntrica rúa do Príncipe de Vigo para asinar o seu contrato, que se oficializou pola tarde.

Antes de Palmeiras, o pivote xogou en Grêmio, Chapecoense, Fenerbahçe e o Dalian Pro chinés, neste caso ás ordes de Benítez. Ao longo da súa carreira como futbolista, que iniciou en 2013, suma oito goles e seis asistencias en 235 partidos. Os seus 1,87 metros de altura convérteno nun xogador de grande envergadura no que Benítez confía para fortalecer o centro do campo.

Esta é a primeira incorporación baixo o mandato de Marián Mouriño e tamén co mexicano Marco Garcés como director de Fútbol do Celta após prescindir a nova directiva dos servizos de Luís Campos, que exercía en Vigo de asesor deportivo externo a tempo parcial desde o verán de 2022.

Comentarios