"Total confianza" en Benítez, equipo feminino e os tres 'C' do Celta: as chaves da Presidencia de Marián Mouriño

"Quero recuperar a paz social", tanto coa afección como coas institucións, afirmou tallante na súa primeira comparecencia ante os medios. Tamén quixo remarcar que "o Celta é do celtismo" e que este pensamento guiará o seu proceder.
A presidenta do Celta, Marián Mouriño, esta quinta feira na súa primeira comparecencia ante os medios. (Foto: RC Celta)
photo_camera A presidenta do Celta, Marián Mouriño, esta quinta feira na súa primeira comparecencia ante os medios. (Foto: RC Celta)

Consistencia, competitividade e conexión son os tres 'C' sobre os que Marián Mouriño quere artellar a súa xestión á fronte do Real Club Celta. Esta quinte feira compareceu por vez primeira ante os medios e deslizou as bases do seu proxecto e que resumiu neses tres conceptos. "Quero que se fale de fútbol no Celta. Que cada empregado veña cada día pensando que pode aportar para gañar o próximo partido", dixo. Preguntada por se confía en superar o seu pai como a dirixente máis lonxeva, matizou que o mandato do Consello de Administración "é de tres anos", "e oxalá sexan máis", afirmou. Hoxe xa está "ilusionada co presente", polo que, de momento, non se cuestiona o futuro. Un futuro que pasará necesariamente polo éxito deses tres 'C'.

O primeiro, consistencia económica, foi o gran piar que abandeirou o seu pai e predecesor no cargo, Carlos, durante os 17 anos que presidiu a entidade. Da "mazá podre" que asegura que lle vendeu Horacio Gómez —de quen fora previamente conselleiro— e que levou o Celta ao concurso de acredores e puxo en tela de xuízo a súa viabilidade económica ao saneamento do club tras doce tempadas consecutivas en Primeira, o principal legado que reivindica e que a súa sucesora pretende manter como unha das chaves do futuro.

O segundo, o 'C' de competitividade deportiva, é o que máis preocupa ao celtismo após varios cursos ao bordo do descenso. "Sen Iago Aspas, hai anos que estariamos en Segunda", reprochou na Xunta de Accionistas a presidenta da peña coruñesa Terra Celeste, Reyes Álvarez. O traballo de Luís Campos como asesor externo —e con Juan Carlos Calero como cabeza visíbel en Vigo— parece non convencer e a propia Mouriño, se ben asegura facer un balance positivo das entradas e saídas orquestradas polo portugués, avanzou a súa intención de reestruturar o organigrama deportivo. O Celta, a ollos de boa parte da bancada, adoece desde hai anos de falta de ambición.

E o terceiro 'C', a conexión coa masa social, suporá posibelmente o maior reto, pois a afección hai anos que demanda un mellor trato por parte do club e nos últimos tempos puxo no albo de todas as críticas a familia Mouriño. Para Marián, "recuperar a xente" e que todo o mundo perciba "un Celta próximo" resulta imprescindíbel. "Quero recuperar a paz social", afirmou tallante na rolda de prensa de hoxe. Tamén quixo remarcar que "o Celta é do celtismo" e que este pensamento guiará o seu proceder.

A súa promesa de paz vai máis aló de Balaídos e apunta tamén ás institucións, "a todas", coas que quere "traballar da man e recuperar a relación". Tamén co Concello de Vigo, cuxo alcalde, Abel Caballero, mantivo fortes disputas co ex presidente Mouriño nos últimos anos, en especial a raíz da —aínda inconclusa— reforma do estadio. "Quero recuperar esa foto en Los Escudos onde todas as institucións pactaban e se comprometían a apoiar o Celta. Oxalá sexa capaz de facer que suceda", subliñou.

A nova mandataria avoga por "recuperar a normalidade, facer o mellor para o club", e iso entende que pasa por que o Celta "estea moitos anos en Vigo e Balaídos", rematando así coa incógnita de se o primeiro equipo pasaría a xogar os seus partidos como local nun novo campo en Mos. Tamén enxalza o proxecto da cidade deportiva Afouteza e Galicia Sports 360, do que xa era a máxima responsábel e cuxo futuro é aínda incerto após sufrir numerosos reveses xudiciais.

Tal e como xa avanzara na Xunta de Accionistas desta terza feira, hoxe ratificou en sala de prensa un dos seus maiores compromisos: o equipo feminino. "Temos poucos campos para combinar estes temas, pero queremos empezar un proxecto, aínda que sexa cativo, de fútbol feminino", sinalou. A conselleira Xisela Aranda, ex futbolista, xogará un papel chave neste ámbito.

A canteira, outro dos eixos sobre os que Carlos Mouriño sustentou a súa liña de acción, será tamén fundamental para Marián. "Ímola fortalecer", prometeu, ao tempo que asegurou que xa a día de hoxe "está máis sólida que nunca". Tamén tivo boas palabras para o adestrador do Celta Fortuna, Claudio Giráldez, mais polo de agora a continuidade de Rafa Benítez en Balaídos está garantida até final de tempada. Logo podería activarse unha cláusula de saída, mais non antes. "Hai total confianza en que é capaz de darlle a volta á situación. Ten experiencia, viviu situacións como esta, foi capaz de revertelo e teño a confianza de que o conseguirá", concluíu.

Preguntada tamén por se perder a categoría podería comprometer a viabilidade do club, respondeu con rotundidade que non contempla, en absoluto, ese escenario. "Imos seguir en Primeira con Rafa [Benítez], non hai un plan B". E, en calquera caso, lembrou que o Celta recibiría o primeiro ano o seguro de descenso.

Comentarios