Galiza, fogar das mellores padexeiras do Estado

Verducido, sede dun combinado liderado por Teresa Portela
 
A deportista canguesa quere unha nova medalla en París 2024. (Foto: EP).
photo_camera A deportista canguesa quere unha nova medalla en París 2024. (Foto: EP).

O Centro de Piragüismo de Verducido David Cal, situado no encoro de  Pontillón de Castro (Pontevedra), foi testemuña da sinatura protocolaria do convenio alcanzado pola Real Federación Española de Piragüismo (RFEP) coa súa homóloga galega e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta da Galiza para acoller en terras galegas o equipo Estatal de caiac feminino, que estará liderado pola medallista olímpica en Toquio Teresa Portela.

No acto, no que estiveron presentes Pedro Barrios (presidente da  RFEP); José Ramón  Lete Lasa (secretario xeral para o Deporte) e Alfredo Bea (presidente da Federación Galega de Piragüismo) en representación das partes implicadas, materializouse unha decisión que desembocou no traslado das mellores padexeiras do Estado español desde Sevilla até o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), onde xa adestran ás ordes de Daniel Brage Sara Ouzande, Laia  Pelachs, Begoña  Lazkano, Miriam Vega, Mirella Vázquez e Carolina García.

O novo grupo de traballo, que contará coa figura de Teresa Portela como cabeza visíbel, realizará nas instalacións que dirixen Jesús López e María Jesús Lorenzo no encoro de Verducido unha preparación a longo prazo co obxectivo de fondo dos Xogos Olímpicos de París 2024.

Ademais, dúas novas promesas galegas, Lara Feijoo e Irene Lata, integrarán tamén o equipo de  elite dirixido por Brage, aínda que ningunha das dúas forma parte do acordo alcanzado a tres bandas e que inclúe o aloxamento e a manutención das seis padexeiras internacionais.

Esta será a segunda vez na historia en que o equipo estatal feminino de caiac prepare un ciclo olímpico en terras pontevedresas. A anterior foi a correspondente aos Xogos de Pequín, en 2008. Aquela experiencia foi precisamente a última na que Teresa Portela aadestrou en grupo para o maior evento deportivo do planeta, pois nas tres seguintes edicións (Londres 2012, Río 2016 e Toquio 2020) a veterana padexeira canguesa fíxoo en solitario, sempre baixo as ordes de Brage, que agora asumirá tamén a dirección do conxunto completo.

O novo escenario de traballo creado no CGTD en Verducido permitirá así á recordwoman -seis Xogos Olímpicos- explorar diversas posibilidades competitivas con vistas á cita gala, logo da supresión do K1 200.

Comentarios