Teresa Portela, Arévalo e Germade lideran a 'Armada Galega' na Copa do Mundo

Un total de 16 padexeiros e padexeiras da Galiza viaxaron até Hungría
Teresa Portela e Sara Ouzande, no último Mundial, disputado no Canadá. (Foto: Fegapi).
photo_camera Teresa Portela e Sara Ouzande, no último Mundial, disputado no Canadá. (Foto: Fegapi).

A primeira Copa do Mundo de Piragüismo en Augas Tranquilas de 2023 desenvolverase na localidade húngara de Szeged desde mañá e até o próximo domingo, 14 de maio, na que será unha oportunidade de ouro para que os e as mellores padexeiras do mundo midan forzas de cara a fechar a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de París 2024.

A delegación galega estará conformada por 16 deportistas, sendo unha das máis numerosas do certame. Entre eles destacan os nomes de Teresa Portela, Carlos Arévalo, Rodrigo Germade ou Antía Jácome, que competirán en varias probas tanto individuais como por equipos.

Portela, que en Toquio logrou a fazaña de conquistar unha medalla olímpica con 39 anos, quere lograr un boleto para participar nos que serían os seus sétimos Xogos, tomando parte do K4 feminino xunto Carolina García, Sara Ouzande e Estefanía Fernández de Mérida.

Outra das principais opcións de metal estará no K4 500 metros masculino, que buscará revalidar a vitoria conseguida en 2019 cunha embarcación formada por Rodrigo Germade e Carlos Arévalo xunto con Saúl Craviotto e Marcus Cooper. Ambos os padexeiros galegos estarán tamén na liña de saída do K2 500 metros, participando Germade co balear Cooper e Arévalo co catalán Craviotto.

Mais as opcións de podio para a Galiza no rematan nos veteranos como Portela, Germade ou Arévalo, pois tamén aspiran a todo Pedro Vázquez (K1 1.000 metros); Carlos Pérez 'Perucho' (K4 500 metros); Carolina García e Sara Ouzande (K2 500 metros); Pablo Crespo e David Barreiro (C1 1.000 metros); Manuel Fontán e Pablo Graña (C2 500 metros); e unha Antía Jácome que porá a proba a súa resistencia competindo en tres modalidades diferentes: C1 200, C2 200 e C2 500, nesta última acompañada da madrileña María Corbera.

Ademais das carreiras de piragüismo en augas tranquilas, o evento húngaro tamén incluirá as de paracanoe, nas que participarán tres deportistas do país: Adrián Mosquera (Piragüismo Rías Baixas), Araceli Menduíña (Club de Mar Ría de Aldán) e David Mella (Kaiak Tudense).

Polo tanto, esta Copa do Mundo de Piragüismo en Pista 2023  -que poderá seguirse a través da web oficial da Federación Internacional de Piragüismo (ICF)- non só será unha cita importante para medir o estado de forma dos e das padexeiras, senón tamén para calibrar as súas opcións de clasificarse para os Xogos Olímpicos de París 2024.

Comentarios