mércores 08/12/21

Portela e o soño que se fixo realidade

39 anos e seis finais olímpicas despois, a padexeira Teresa Portela fixo realidade o seu soño logrando unha medalla olímpica, a única que lle faltaba no seu excelso palmarés. Prata no K1 200, como ela mesmo recoñeceu atopou a motivación definitiva repetindo na cabeza as verbas da súa filla: "Gaña, mami, gaña". 
Teres Portela resarciuse da decepción de Londres 2012, onde perdeu a medalla por 128 milésimas. (Foto: EP).
Teres Portela resarciuse da decepción de Londres 2012, onde perdeu a medalla por 128 milésimas. (Foto: EP).

O de Teresa Portela é o mellor exemplo de que se pode finalizar en segunda posición pero seguir sendo unha auténtica número 1, e, ao mesmo tempo, un exemplo para a rapazada de que nunca hai que renderse, porque se as cousas non saen á primeira, ou á segunda, á terceira, á cuarta, ou á quinta, poden saír á sexta.

Porque a padexeira de Cangas afincada no Grove -onde recibirá o recoñecemento de 'filla adoptiva no mes de setembro- logrou aos seus 39 anos, e nos que foron os seus sextos Xogos Olímpicos, unha medalla que se lle resistía desde hai máis de dúas décadas.

Conseguiuno na proba de K1 200 metros, e se en Londres 2012 quedou fóra do podio por tan só 128 milésimas, na capital nipoa cambiaron as tornas e superou á danesa Emma Jorgensen, terceira clasificada, en 12 milésimas.

Tamén logrou unha medalla na xornada este 3 de agosto, a falta de dilucidar a súa cor, o futbolista Iván Villar. Após superar os anfitrións do Xapón nas semifinais, o combinado Estatal disputará a final ante o Brasil co ouro en xogo.

Lamentabelmente, nin Támara Echegoyen nin Iago López na vela, dúas moi serias opcións de metal, puideron engrosar o medalleiro galego, pois ambas as competidoras finalizaron as súas probas na cuarto posición.

Tamén dixo adeus a Toquio o xogador de baloncesto Alberto Abalde, eliminado polos grandes favoritos, os Estados Unidos de América, nun choque que supuxo o adeus internacional dos irmáns Gasol, Pau e Marc.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Adrián Ben, a derradeira esperanza no atletismo

Logo do bronce de Ana Peleteiro e da temperá eliminación de Belén Toimil, o último representante do país no atletismo é o lucense Adrián Ben, quen compite esta cuarta feira, 4 de agosto, ás 14.05 nunha final dos 800 metros á que chega sen ningunha presión, pois a súa presenza na mesma xa é toda unha fazaña.

Antes que el, de madrugada, Nico Rodríguez fecha as opcións galegas na vela coa 'Medal Race' do 470 masculino, en contraposición a Carlos Arévalo e Antía Jácome no piragüismo, que se estrean nos clasificatorios, igual que Julia Benedetti na modalidade de skateboarding.

Portela e o soño que se fixo realidade
comentarios