Arévalo e Germade fan historia e logran a cuarta medalla galega nos Xogos Olímpicos

Os padexeiros, acompañados de Saúl Craviotto e Marcus Walz, finalizan segundos no K4 500.
Os padexeiros sumaron a segunda prata galega nestes XXOO (Foto: COE).
photo_camera Os padexeiros sumaron a segunda prata galega nestes XXOO (Foto: COE).

Os padexeiros galegos Carlos Arévalo e Rodrigo Germade, acompañados do catalán Saúl Craviotto e o balear Marcus Walz, fixeron bos os prognósticos e lograron unha meritoria medalla de prata na categoría K4 500.

Baixo unhas condicións climatolóxicas moi negativas, e após rachar na rolda previa co vixente récord olímpico, o cuarteto afrontou a final conscientes de que sería unha batalla man a man co combinado alemán que acabaría inclinándose do lado teutón por moi pouca distancia: 1m 22,219 por 1m 22,445 segundos, apenas 226 milésimas de diferenza.

Con esta prata, a representación galega en Toquio suma catro metais (dúas pratas e dous bronces), un premio que aumentará até cinco logo de que Iván Villar dispute a final olímpica en fútbol e podería chegar até seis dependendo de se Rodrigo Corrales é quen de imporse no partido polo bronce ante Exipto no balonmán.

Volvendo ao piragüismo, o bronce foi a parar a mans dos eslovacos Samuel Baláz, Adam Botek, Denis Mysák e Erik Vicek a un mundo de distancia dos dous primeiros equipos, entrando cun tempo de 1:23.534.

Con este resultado, ademais, Saúl Craviotto empata co galego David Cal como o deportista nado no Estado español con máis medallas olímpicas, cinco en total.

Despois do seu éxito, Arévalo manifestou a súa satisfacción por "dominar a carreira" e por "dalo todo", aínda que laiouse por non finalizar coa medalla de ouro indicando que "ás veces un gaña, e ás veces un perde, porque así é o deporte". Germade tamén expresou a súa "alegría" por sumar un novo metal no seu segundo ciclo olímpico.

Comentarios