O temporal que espiu a deterioración de Riazor e Balaídos

O temporal puxo ao descuberto o estado de dous dos recintos deportivos máis emblemáticos do país, os estadios municipais de Riazor e Balaídos. Explicámosche aquí as chaves de por que foron suspendidos os Dépor-Betis e Celta-Real Madrid (e a histeria que se desatou na capital do Estado polo cancelamento do choque en Vigo).

R
photo_camera Estado dun fragmento da cuberta do estadio de Riazor

A Liga recibiu a noite do sábado un informe dos técnicos do concello de Vigo, e outro dos colexiados, no que certificaron a inviabilidade e inseguridade da disputa do partido Celta - Real Madrid en Balaídos, logo dos estragos causados polo temporal na cuberta do estadio, especialmente na bancada de Río. No Real Madrid, ó coñecerse a nova, entraron en estado de cólera e mostraron un enorme enfado e indignación. A través das súas canles mediáticas máis próximas deslizaron ós catro ventos que o Celta e o alcalde vigués, Abel Caballero, conspiraron contra o clube madrileño. Entenden que non fixeron todo o posible para buscar unha solución. Din que se sinten maltratados pola Liga e pola Federación e que se xogou con eles. No fondo, segundo confesan, dóelles que o F. C. Barcelona poida superalos na clasificación a vindeira semana, revelan algúns deses mesmos autofalantes mediáticos. 

Nas primeiras horas, con escaso rigor opinativo e informativo, deuse a impresión, a través das redes sociais e tamén algún medio de comunicación da capital, que a cuberta de Balaídos se puido arranxar en cousa de poucas horas, a tempo de poder realizarse o partido. Que non se puxeron todas as ganas. Que noutras ocasións se arranxaron ou retiraron deperfectos a tempo para o comezo do partido, ou alegan que o Celta debía ter previsto a comunicación dun campo alternativo como indica o artigo 205 do regulamento da Federación Española de Fútbol. «Os clubes están obrigados a informar a RFEF, con quince días, no mínimo, de antelación ao inicio da competición, sobre a situación, medidas, tipo de superficie do terreno de xogo e posible campo alternativo para disputar aqueles partidos que fosen susceptibles de non ser xogados en céspede artificial, ben como caisquer outras condicións, aforo e construcións ou modificacións dos seus campos. Sempre que se realice algún cambio, deberano comunicar, acompañando un plano a escala da disposición do terreno de xogo e as súas instalaciones, despois das obras», indica a norma. E engaden tamén que non se cumpre a circular nº 7 do estamento federativo, que no seu punto decimosexto volve a expresarse nos mesmos termos. «Son obrigas dos clubes en relación directa coa realización dos partidos oficiales: c) dispor dun campo alternativo situado dentro dun radio superior a trinta quilómetros». 

Con estes elementos, e dada a amplificación mediática que xira arredor da institución merengue, a situación foi máis que propicia para algúns opinadores e xornalistas, porque semella que o grande afectado é o Real Madrid, que non ten datas suficientes no calendario para disputar outro novo partido aprazado -tamén ten que disputar contra o Valencia, outro aprazado na primeira volta, pola participación do equipo madrileño no Mundialito de clubes-. O asunto da suspensión do encontro de Liga en Balaídos, lembremos que polas inclemencias do tempo, creou unha grande polémica e escándalo, portadas de xornais aparte, que foron impulsados por algunhas voces do madridismo. Pero a lea xa estaba servida.  

¿Cal é a legalidade a ter en conta?

O artigo sete da lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, protexe os operarios de traballos a realizar en condicións derivadas pola natureza dos axentes físicos, como é o caso dun temporal. A lei tamén indica que se regularán as limitacións ou prohibicións que afecten «ás operacións, os procesos e as exposicións laborais a axentes que entrañen riscos para a seguridade e a saúde dos traballadores». 

R3

Chama a atención a lixeireza coa que se falou nas primeiras horas do sinxelo que sería arrancar e retirar os desperfectos causados polo temporal nas cubertas dos dous estadios de Primeira División e que causaron a suspensión oficial de cadanseu partido. Sen ter en conta que os operarios terían que arriscar as súas vidas en pleno temporal de vento e auga, tendo que subir a unha coberta danada, desprazada e rota, e tamén mollada. E, por riba, ter que facer o traballo a contrarreloxio para que a organización do partido puidese discorrer con normalidade e seguridade para os espectadores e os futbolistas. 

Os datos obxectivos do que pasou nos últimos días son os seguintes:

O temporal comezou o xoves, día no que se formou unha borrasca profunda que xa deixou ventos moi fortes durante a madrugada. Na Coruña e en Vigo rexistráronse refachos de 80 a 90 quilómetros/hora. Curiosamente, tanto Vigo como a Coruña, son cidades protexidas dos ventos do sur, e o vento soprou precisamente en dirección sur - suroeste. Iso quere dicir que se ben o vento se sinte con forzas de 80 ou 90 quilómetros a unha distancia de 10 metros sobre o chan, cando falamos das cubertas de Balaídos ou de Riazor, esas velocidades son moito maiores que as que se rexistran nas estacións metereolóxicas en superficie.
  
Despois desa primeira borrasca, nas seguintes horas formáronse outras dúas, máis pequenas, pero moi daniñas. Unha, na noite do xoves ó venres que deixou na Coruña refachos de 114 quilómetros/hora, que son as que arrincaron as planchas do estadio de Riazor. Tamén durante o venres deixou refachos en Vigo, a nivel do mar, de 107 quilómetros/hora, e que foron os que arrincaron as cubertas de Río en Balaídos. As cubertas, tanto de Riazor como de Balaídos, sufriron o castigo de refachos de 150 quilómetros/hora, causando voaduras, torceduras de planchas, en diversas partes do tellado. No caso de Balaídos aconteceu entre as oito e as nove da noite do venres, e en Riazor unhas horas antes, na madrugada do venres, arredor das catro da mañá. Mesmo, ás oito da tarde dese día caeu unha nova plancha sobre a rúa Manuel Murguía, por novos refachos virulentos do vento, que no caso de disputarse o partido puideron ter consecuencias fatais. Ese feito, precisamente, confirmou que a suspensión do partido era unha medida máis que obrigada. Ás oito da tarde, de haber partido, habería miles de persoas transitando pola rúa que estarían accedendo polas portas de Riazor.

Os operarios terían que arriscar as súas vidas en pleno temporal de vento e auga, tendo que subir a unha coberta danada, desprazada e rota, e tamén mollada
 

O sábado houbo en Vigo ventos de 80 e 90 quilómetros/hora durante boa parte do día, e intensas choivas, rexistrándose ata 30 litros por metro cadrado. Con estas características «era completamente imposible que ninguén, con dous dedos de fronte, puidese subir á cuberta de Balaídos a realizar os traballos necesarios de rehabilitación para a organización dun partido de fútbol», comenta a Sermos Carlos Fernández Balseiro, meteorólogo de 4 Gotas.

Durante a madrugada do domingo, o vento seguiu soprando con forza. A partir da primeira hora da mañá comezou a amainar o temporal, pero con ventos de 30 a 40 quilómetros/hora. Sería temerario poñer a traballar ós equipos especializados en altura xa que para arrincar e retirar os desperfectos da cuberta afectada -rota e coas planchas corridas- era igualmente arriscado, sendo que os golpes de vento eran impredecibles. Manipular as novas planchas, aínda que fose con escaso vento, sería moi perigoso igualmente porque resultaría incontrolable onde caerían no caso de que escapase algunha», indicaron outras fontes consultadas. 

Xa que logo, o xoves, o venres e o sábado houbo alerta laranxa por vento en toda Galicia. O domingo, malia non existir aviso de alerta, producíronse en Vigo cidade refachos de ata 50 quilómetros/hora segundo os datos estudados por 4 Gotas. Aínda que non existise alerta para o domingo, si había aviso de vento forte no mar e houbo algún que outro chuvasco, o que facía moi perigoso traballar a esa altura, segundo confirmou a última hora da tarde do domingo persoal de Meteogalicia a quen redacta esta información. 

Principio de prudencia

Con todos estes datos, que tiñen que facer as autoridades? Poderían o Celta e o Deportivo disputar os seus partidos de Liga contra o Real Madrid e o Betis?

Ás oito da tarde do venres, pouco antes do horario programado para o Dépor-Betis, caeu unha nova plancha sobre a rúa Manuel Murguía, por novos refachos virulentos do vento

A resposta é rotunda. «A normativa indica que non se pode traballar en altura cando as condicións meteorolóxicas son adversas. E sempre son adversas cando hai unha alerta laranxa ou vermella», segundo nos comenta Carlos García Touriñán, director do Área de seguridade do concello da Coruña. A alerta laranxa ou vermella é decretada pola AEMET ou, no caso de Galicia, tamén por Meteogalicia e é asinada despois por un organismo oficial como a Xunta de Galicia, a través do 112.

Por outra banda, os guindastres ou calquera maquinaria de elevación con ventos superiores aos 70 quilómetros por hora non poden traballar. Simplemente porque é ilegal, xa que logo, non pode haber discusión posible ó respecto. É máis, este tipo de máquinas teñen uns anemómetros para medir a velocidad do vento e impedir, precisamente, estes traballos cando se dan condicións tan adversas. 

Hai un caso especial no que se permitiría subir o persoal a unha altura así e con esas condicións metereolóxicas. «Só os bombeiros, en situacións excepcionais e se é para salvar a vida ou varias vidas, están habilitados para actuar saltándose as normas establecidas», puntualiza Carlos García Touriñán.

O Ministerio de Traballo tamén publica unhas notas técnicas de prevención que regulan concretamente o traballo en altura. É a nota 448. Aínda que non é de obrigado cumprimento, a circular oficial fai unha serie de recomendacións para os traballos realizados sobre as cubertas. No texto figura unha reseña específica sobre «as inclemencias do tempo». Di claramente que «non se deben realizar traballos se as condicións atmosféricas, sobre todo o vento, se así o desaconsellan. Como regra xeral, non se traballará se chove ou se a velocidade é superior aos 50 quilómetros por hora, debéndose retirar calquera material ou ferramenta que poida caer desde a cuberta», según regula a recomendación de Traballo.  

Limitacións e risco do traballo en altura

Un experto consultado na materia comenta que para actuar no estadio de Riazor «habería que realizar traballos con plataformas elevadoras, máquinas que no argot técnico se coñecen co nome de PATO, e que xa foron usadas no estadio herculino noutras ocasións para poder  realizar a substitución de planchas en mal estado ou desprazadas pola acción da chiva e o vento. O tempo estimado dese traballo específico non debe ser moi grande, pero, previsiblemente, é necesario investir unha semana de traballo. Todo depende da metodoloxía que se vai usar e do tempo. Tecnicamente, a operación de arranxar a cuberta non é complicada. Só é colocar as planchas e meterlle un parafuso pasante, que en principio non debe causar maior problema. Pero o risco está en chegar a cada un dos lugares onde a cuberta está afectada.  Os operarios teñen que traballar previa instalación dunha liña de vida, un sistema que, no caso de golpe de vento ou cualquiera outra circunstancia, evitaría a caída ó baleiro do traballador. A montaxe da liña de vida tamén leva o seu tempo. Por non falar de que en condicións de chuvia e auga non se pode traballar nin andar por riba dunha cuberta en mal estado, por mor do temporal». Este experto, engade que a operativa debe realizarse sen vento, xa que «aí arriba o operario está exposto ós ventos, e un refacho por pequeno que sexa pode levar unha desas pranchas xa que son lixeiras, producindo un efecto vela, chegando a caer mesmo fóra do estadio. Iso non hai forma de paralo con vento. É moi perigoso», matiza a nosa fonte consultada.      

Pero ademais das limitacións físicas están tamén as mecánicas. Porque está previsto que as maquinarias empregadas para este tipo de traballos paren cando o tempo se pasa de voltas. «A máis de 50 quilómetros por hora non poden traballar. O propio fabricante da máquina deixa claro que non se responsabiliza do uso da maquinaria cando se dan ese tipo de condicións metereolóxicas, o cal está perfectamente descrito no manual que se entrega co vehículo. Se hai máis vento hai que baixar a máquina. Por exemplo, en parques eólicos estes traballos deben pararse con moito menos vento, uns 30 quilómetros hora, porque o golpe dun refacho é impredecible. Curiosamente o estadio de Riazor está en plena fachada atlántica, que sería incluso equivalente a un parque eólico», explica o enxeñeiro que nos informa das dificultades de traballar nestes casos. «Por tanto o factor do vento é limitante. Os riscos non son só á hora de expoñer ós operarios. Pode haber danos a terceiros se se realizan este tipo de traballos en condicións tan desfavorables como as que zoaron na costa galega nos últimos catro días», sentencia. 

Protocolo de emerxencias

Na concellaría de deportes da Coruña coñecíase o comezo da semana pasada que a situación ía ser moi complicada e temíase que o temporal causase estragos na cidade, tamén no estadio de Riazor. A medida que pasaron as horas, as previsión fixeron prever medidas excepcionais para o caso de que o temporal confirmase a virulencia pronosticada. «Nós, o xoves xa estabamos en alerta. Non tiñamos a convicción, pero si a previsión de que podía acontecer o que pasou. Xa estabamos falando das edificacións, a seguridade a ter en conta, e tiñamos en marcha un protocolo de emerxencias. Así que non nos colleu por sorpresa. Coa previsión metereolóxica sabiamos que a noite ía ser moi dura e, por iso, activamos o protocolo de emerxencias», confesa o concelleiro de deportes, Xosé Manuel Sande.  

Sen contratos de mantemento nas instalacións senlleiras da Coruña

A caída duns cascallos en abril de 2016 na grada de Pavillón Superior minutos antes do encontro do Deportivo coas Palmas fixeron actuar ó titular de deportes da Coruña nun sentido inédito. Segundo puido comprobar, non existía un contrato de mantemento para a supervisión das instalacións. Non só para Riazor. Tampouco o había para outras instalacións senlleiras da cidade, como o Coliseo ou o Pazo da Ópera, así como outras instalacións deportivas. No caso do Coliseo, que o ano pasado foi o anfitrión da Copa do Rei de baloncesto, as deficiencias e o abandono eran tales que o concello tivo que facer un investimento millonario para acondicionalo para cumprir o contrato que asinara o concello coa organización do evento. No Coliseo, en febreiro do ano pasado, fixéronse unha das primeiras obras desde que se construíu o edificio, pese a que a concesionaria é a obrigada de manter axeitadamente o inmoble público, segundo nos informan desde o concello.   

R4

A inexistencia de contratos de mantemento que contemplasen a supervisión periódica das instalacións chamou a atención de Sande, que, por primera vez en anos, ordenou orzamentar unha partilla para asegurar a vida e conservación axeitada das instalacións. «Nos últimos anos non houbo ese contrato», afirma seguro Sande. «Si que se produciron revisións e reparacións constantes. E de feito, nós este luns imos comezar en Riazor a reparación dos desperfectos provocados polo temporal da semana pasada, pero o que non existía era un contrato de mantemento auténtico. Agora temos previsto un que está a piques de saír no perfil do contratante e que irá contemplado nos orzamentos de 2017», explica o concelleiro.

Corrosión na estrutura metálica da coberta de Riazor

Preguntado por unhas fotografías que circulan e nas que se amosa o deteriorado estado das vigas de ferro que sosteñen a cuberta do estadio de Riazor -nas que se ve un avanzado efecto de corrosión-, o responsable de deportes Xosé Manuel Sande, indica ó respecto que «no mandato anterior houbo un montón de informes que foron intercambiados con Dragados -empresa que se ía encargar de amañar a cuberta- sobre esta cuestión. Polo tanto, si que se estivo enriba deste asunto e houbo moitas análises estruturais. A corrosión vén forzada polo tempo excesivo desde que se fixo a construción do estadio municipal, no Mundial do 82. Ademais están as condicións metereolóxicas, a orografía, etc». Ao respecto xurdiu unha discusión técnica acerca do cumprimento do contrato de remodelación das cubertas que foi licitado a prol de Dragados pola administración municipal anterior. «As dúbidas foron as que provocaron máis informes periciais, máis análises estruturais, tanto dos técnicos municipais como da empresa construtora», explica Sande. 

En todo caso, o concello asegura que malia a mala imaxe que poidan ofrecer as trabes de ferro non hai risco de colapso. «Os técnicos municipais estiveron moi encima desde asunto desde hai tempo. O problema sería se a estrutura estivese afectada e se é arriscado o uso da instalación. Non o está e non o é en absoluto», aclara convencido. «Esa corrosión de materiais é bastante chamativa, pero é unha instalación que xa ten moitos anos e que está ubicada nunha particular situación: á beira da praia, en permanente contacto coa salitre, o vento…», conclúe o titular de deportes do concello coruñés. 

O enfado do PP

O PP da Coruña pediu o venres, ao pé do estadio de Riazor, apenas seis horas despois da caída de varias partes da cuberta, a demisión do alcalde Xulio Ferreiro por rachar o contrato con Dragados e que deixara licitado a anterior administración municipal. Rosa Gallego, voceira municipal dos populares, dixo esa mañá entre os cascallos do teito: «dáme vergoña que o partido se suspenda porque cae a cuberta do estadio. Isto é moi grave para a imaxe da cidade e unha estafa aos afeccionados do Deportivo».

O desencontro por este asunto vén de moi atrás, case desde que a Marea chega ao goberno municipal. Pero Sande aclara que o actual goberno quería facer cumprir a obra licitada e descarga na construtora, Dragados, a responsabilidade de que non se levase a cabo o proxecto asinado e acordado. «Eles alegaron que non podían facer o traballo completo. Valoraron que 45% da obra era inasumible. E, concretamente, referíanse a Preferencia e a Tribuna. Eles entendían que é necesario substituir a cuberta, pero que esa actuación, ó ser máis ambiciosa, é máis cara. E, por tanto, non asumen de ningún modo a obra que lles foi adxudicada por 2,9 millóns de euros. Eles comentáronnos que o proxecto aprobado non era realista e que serían necesarios 4 millóns de euros para abordalo», responde Sande a pregunta de por que non se acometeu a obra aprobada polo goberno anterior.

O concello, en vista do enroque da construtora, non lle quedou outro remedio que tomar unha decisión impopular: resolver o contrato, ante a negativa a executalo nos termos previstos e polos cartos concedidos. «Como vimos que se dilataba no tempo, e vendo que Dragados non estaba disposta a facer a obra acordada decidimos paralizalo tras un intercambio de diversos informes. Esta era unha obra dada e realmente queríamos que se fixese, pero a conclusión deles foi esa. Ante a perspectiva de que a obra non avanzaba, o mellor era resolver o contrato», explica Sande.

   

Balaidos Imaxe @Vigo_e

O concelleiro de deportes da Coruña lamenta a postura da construtora e non coincide cos cálculos esixidos por Dragados para realizar a obra. Para pensar iso, baséase en varios informes técnicos que solicitou. «Os nosos informes, os dos técnicos municipais e tamén outro que foi encargado á Universidade da Coruña, din que a obra era asumible polos cartos licitados», manifesta Sande. A batalla entre os despachos municipais e os da construtora non avanzou cara unha solución amigable, de aí a resolución do acordo. «Había algunhas diferenzas.. Para Dragados, Preferencia e Tribuna está esgotando a súa vida útil e a actuación nesas cubertas era máis costosa do previsto. Se mire como se mire, semella raro, porque eles asumiron a obra cando foi aprobada», di o concelleiro. Sande pensa que, independemente de quen estivese no goberno municipal, a discusión tería  saltado igualmente. «Penso que lle tería pasado o mesmo a calquera, estivese quen estivese no concello», opina.

O futuro das cubertas de Riazor para 2018

A cuestión é que Riazor precisa unha remodelación urxente, pero para acometer a obra teñen que volver a iniciarse todos os trámites administrativos.  

«Nós estamos traballando xa no novo proxecto, que é máis ambicioso, e para que non se repita o problema que xurdiu con Dragados, cuantificaremos de novo a obra e de xeito real. Custará máis, bastante máis», admite o concelleiro de deportes. O concello cre que a nova obra, que inicialmente foi aprobada por 2,9 millóns de euros, sobrepasará os 5 millóns de euros, cambiando tamén as cubertas de Preferencia e Tribuna. Pero o problema  que se atopa a actual concellaría agora son os prazos legais para executar o proxecto. «Primeiro ten que saír o anteproxecto, que hai que facelo. Logo, contratación conxunta. Xa conseguimos, coa asesoría xurídica, rebaixar os prazos, ó licitar a redacción e a obra conxuntamente. Iso estreita a opción das posibles diverxencias entre o redactor do proxecto e o construtor, que foi a clave de todo o que aconteceu en 2014. Así, reducimos os prazos. Con todo, estamos en agosto de 2018. A lei de contratacións non nos permite ser máis áxiles», puntualiza o concelleiro de deportes herculino.

Concelleiro de Deportes da Coruña: «Nós estamos traballando xa no novo proxecto, que é máis ambicioso, e para que non se repita o problema que xurdiu con Dragados"

O retraso xustifica outro tipo de actuacións mentres non se poida acometer a obra principal. «De aí o contrato de mantemento. Mellorar a estrutura, facer reparacións, reformas, adecentar a estrutura… As solucións son poucas ou exceden o ámbito do público». Riazor terá un plan específico de actuación. «O contrato de mantemento terá unha revisión periódica, estable pero con condicións. Non simplemente se fará unha simple inspección. Cada dous meses queremos ter uns guindastres traballando para facer unha supervisión máis estreita e poder actuar se é necesario. O contrato de mantemento contempla, xa que logo, anticiparse ós acontecementos e protexer a estrutura. Ata agora esta preocupación tan celosa non existiu», lembra o responsable municipal.

Actualmente, o Deportivo ten en vigor un convenio asinado co concello que foi asinado no ano 2000, e que está vixente ata o 2025. O concello encárgase específicamente, segundo ese convenio, das cubertas. Prácticamente todo o resto asúmeo o Deportivo, concesionario da instalación municipal por 25 anos ó custe de un euro. O club, por outra banda, non desbota a posibilidade de facerse en propiedade co estadio se se dá a oportunidade.

 O caso de Balaídos, máis avanzado

Balaídos tamén ten unhas instalacións obsoletas. Pero a situación en Vigo está máis avanzada. De feito, o concello vigués adxudicou a obra de Río o pasado 5 de decembro, pero os traballos centrais non poden comezar ata que remate a Liga. Na actualidade, o estadio xa conta con novos vestiarios, zona mixta, de prensa e túnel de acceso ó campo. O prazo de execución de toda a obra é de doce meses.

As fotografías, de arriba a abaixo, son de José Cabalar (Efe) a 1 e a 2,  ambas do estadio de Riazor, e de @Vigoe, a 3, do estadio de Balaídos.

Comentarios