O surf máis extremo chega á Coruña da man do 'Big Waves'

As ondas xigantes do Portiño porán a proba 16 surfeiras e surfeiros de elite.
O local Juan Fernández foi un dos nomes destacados cabalgando as augas da baía herculina durante a edición do ano pasado. (Foto: Robus Pazos/ Big Waves Coruña).
photo_camera O local Juan Fernández foi un dos nomes destacados cabalgando as augas da baía herculina durante a edición do ano pasado. (Foto: Robus Pazos/ Big Waves Coruña).

O distinguido o pasado 2022 co premio a 'Mellor Evento Deportivo da Comarca da Coruña' anticipa o seu regreso nesta fase final do ano. A Coruña Big Waves 2023, unha competición de ondas xigantes, promete reunir na cidade herculina 16 dos mellores surfeiros e surfeiras do planeta, "cuxos nomes serán desvelados proximamente", segundo confirmaron desde a organización.

O escenario, un ano máis, será a contorna do Portiño, un espazo que, tal e como apuntou o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, nun acto de presentación que tivo lugar esta segunda feira,  tornará outra vez no "centro mundial do surf".

Iso si, sempre e cando "as condicións climatolóxicas sexan as axeitadas", polo que a data para a segunda edición do certame aínda está por determinar, pese a que o edil avanzou que se concretará definitivamente "ao longo das próximas semanas".

Segundo revelou Castro, os expertos consultados polo Concello afirman que esta época do ano "é a máis acaída para a celebración de campionatos de ondas xigantes, porque se reúnen todas as condicións para que se produzan ondas de gran tamaño, grazas ás diversas borrascas que chegan ás costas galegas".

En 2022, logo de ser suspendido a causa da pandemia uns meses antes, o tren de temporais que sufriu A Coruña a finais de febreiro levou a que fose programado o sábado 19, facéndose co triunfo o portugués Tony Laureano, quen ante centos de espectadores e espectadoras superou na final Kosme Fernández, Ian Cosenza, Clint Kimmins, Xabier López e Juan Días. 

Un retorno con importantes Novidades

As innovacións que trae o A Coruña Big Waves nesta ocasión son, en primeiro lugar, uns trofeos e distincións deseñados polo artista escultórico local Diego Cabezas. Ademais, en 2023 tamén cambiará a modalidade que empregarán os e as deportistas para surfear as ondas xigantes, pois recorrerase á tipoloxía tow in, que consiste na asistencia aos e ás participantes coa propulsión dunha moto de auga, o que lles permitirá entrar en ondas máis grandes e baixalas nunha zona máis crítica.

O surf segue a medrar na Galiza

O surf, lonxe de ser unha moda pasaxeira, vén experimentando durante os últimos anos un continuo crecemento que o levou a ser unha das disciplinas máis practicadas na Galiza. En total, e con datos de 2022 recollidos na Estatística de Deporte Federado feita pública polo Ministerio de Cultura e Deporte, na Galiza había 297.052 licenzas, das cales 223.188 eran de homes e o resto, 73.864, de mulleres.

Recuperadas as cifras anteriores á irrupción da pandemia da Covid-19 a comezos de 2020, o surf emerxeu como un dos deportes con máis practicantes no país, como acreditan as súas 14.912 fichas federativas en 2022, que o sitúan só por detrás do atletismo (11.006),  o baloncesto (18.078), a caza (19.546) e o todopoderoso fútbol (95.451). 

Esta cantidade, récord absoluto, implica un aumento de máis de 50% en tan só cinco anos, pois en 2017 facían surf na Galiza de forma federada 7.023 persoas, das cales -outra das súas características- 3.567 eran homes e 3.456 mulleres, sendo estes números dos máis equilibradas no eido deportivo.

Comentarios