Silencios e caras longas na selección española de fútbol

As xogadoras, convocadas a pesar do seu "non".
Tere Abelleira non respondeu ás preguntas dos xornalistas. (Foto: Europa Press).
photo_camera Tere Abelleira non respondeu ás preguntas dos xornalistas. (Foto: Europa Press).

A galega Tere Abelleira e o resto das xogadoras convocadas pola selección española de fútbol xa están na localidade valenciana da Oliva, onde permanecerán concentradas a pesar de que a inmensa maioría delas expresou con rotundidade o seu desexo de non defender a Roja.

Tere Abelleira, xunto con outras compañeiras que xogan en clubs de Madrid, chegou arredor das 11 horas de onte a un Hotel próximo ao aeroporto da capital do Estado, desde onte partiron rumbo a Oliva. Antes de subir ao autobús, os medios de comunicacións concentrados na zona preguntáronlle se  desexaba "estar alí" ou se recibira "presións" para unirse á expedición, recibindo o silencio como resposta.

Quen si falou foi a súa compañeira no Real Madrid, a tamén ex deportivista María Isabel, 'Misa', Rodríguez, quen ante a cuestión de se estaba "contenta" respondeu cun lacónico "non".

Tamén se expresou, no seu caso desde México, xa que non recibiu a convocatoria, a vítima do acontecemento que precipitou toda esta crise que convulsiona o combinado campión do mundo, Jennifer Hermoso.

A futbolista do Pachuca, de quen a nova seleccionadora, Montse Tomé, dixo que non a chamou para "protexela", expresou a súa opinión nun comunicado: "Protexerme de que? De quen? Intentouse argumentar que o ambiente sería seguro para as miñas compañeiras cando na mesma rolda de prensa dixo que non me convocaba para protexerme... é unha estratexia de división e manipulación, porque as mesmas persoas que nos piden confianza son as que lanzan una lista con xogadoras que pediron non ser convocadas".

"Ridículo como país"

Outra voz crítica é a do presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), Víctor Francos, quen cualificou de "ridículo como país" o acontecido coa selección feminina. "As xogadoras coas que falei estaban mal, moi mal, levei unha impresión moi negativa, e trasladeilles a indignación do Goberno e o meuapoio", argumentou.

Con quen non poderán contar as internacionais é co presidente da UEFA, Aleksander Čeferin, que acusou á prensa e aos xornalistas de "esaxerar" as informacións sobre o Caso Rubiales: "Como avogado penal, semella algo completamente ilóxico".

Comentarios