Abelleira e outras 38 futbolistas din "non" á selección española

Piden "cambios contundentes" na Federación
Abelleira non esqueceu exhibir a bandeira galega instantes posteriores de derrotar Inglaterra na finalísima (1-0). (Foto: Europa Press).
photo_camera Abelleira non esqueceu exhibir a bandeira galega instantes posteriores de derrotar Inglaterra na finalísima (1-0). (Foto: Europa Press).

Un total de 39 futbolistas, entre elas a gran maioría das que se proclamaron campioas do mundo en Australia, incluída a galega Tere Abelleira, renunciaron a xogar máis coa selección española até que non se produzan "cambios contundentes nos postos de liderado" da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), apostilando que os que se fixeron até o de agora -como a marcha de Luis Rubiales- "non son suficientes" para sentirse "nun lugar seguro".

Nun comunicado, as xogadoras lembran as súas vellas demandas de "transparencia absoluta" na RFEF, que incluían unha reestruturación do organigrama no fútbol feminino, a do gabinete da presidencia e da secretaría xeral, a dimisión do presidente da RFEF, cambios na área de comunicación e márketing e mudanzas na dirección de Integridade".

Estas esixencias susténtanse na "tolerancia cero ante esas persoas que desde un cargo dentro da RFEF tiveron incitado, escondido ou aplaudido actitudes contrarias á dignidade das mulleres", explican, engadindo que cren "firmemente" que se requiren "cambios contundentes nos postos de liderado da RFEF e, en concreto, na área de fútbol feminino", pois esas persoas que se supón tiñan que protexelas "deben estar lonxe" dun sistema "que ampara feitos que van alén do puntual e do deportivo e que esixen tolerancia cero".

 "A día de hoxe, tal e como transmitimos á RFEF, os cambios que se produciron non son suficientes para que as xogadoras nos sintamos nun lugar seguro onde se respecte ás mulleres", din, por iso renuncian en bloque a seguir defendendo as cores dunha selección española de fútbol da cal estaba previsto que a súa nova seleccionadora logo da destitución de Jorge Vilda, Montse Tomé, dese a súa primeira listaxe de convocadas de cara ás xornadas 1 e 2 da Liga de Nacións nun acto público programado ás 16 horas da tarde de onte e que foi adiado sine díe logo de lanzar o seu comunicado as internacionais.

Prohíben Rubiales comunicarse con Hermoso

Horas antes de coñecerse o adeus en bloque das 39 futbolistas á Roja o ex presidente da Federación, Luis Rubiales, comparecía ante o xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge para declarar en calidade de investigado polos delitos de agresión sexual e coaccións.

Nun auto emitido despois da súa intervención, a Audiencia Nacional sinalou que segue en parte o criterio da tenente fiscal, Marta Durántez, pero rexeita a súa petición de comparecencias quincenais perante o xulgado, polo que unicamente non poderá comunicarse coa xogadora do Pachuca Jenni Hermoso durante o que se estenda a instrución da causa aberta e prohíbelle achegarse a ela a menos de 200 metros. Ademais, tamén desatende a solicitude da avogada da futbolista de embargar de forma preventiva os bens do ex dirixente.

Segundo fontes fiscais, Rubiales negou durante preto de 45 minutos ante o xuíz que se desen coaccións cara Hermoso e a súa contorna, así como que houbese falta de consentimento no bico na boca que lle propinou na entrega de trofeos do Mundial en Sydney (Australia). 

A letrada que defende Hermoso, Carla Vall, asegurou posteriormente ante os micrófonos dos medios de comunicación que a súa cliente está "afectada polos feitos, polo acto humillante que viviu e que empanou un fito deportivo".

Comentarios