Esta sexta feira sortearán o calendario da Primeira RFEF

Racing do Ferrol, Deportivo da Coruña, Celta B e Pontevedra CF saberán esta sexta feira o calenadrio desta tempada. O Celta anunciou a incorporación de Víctor San Bartolomé ao filial do seu equipo.
Partido entre o Celta B e o Deportivo da Coruña (Foto: RCCelta)
photo_camera Partido entre o Celta B e o Deportivo da Coruña (Foto: RCCelta)

Por segundo ano consecutivo, a Primeira Federación coñecerá o seu calendario mediante un sorteo público e retransmitido en directo a través das canles oficiais da RFEF. As combinacións dos encontros nos que participarán os equipos galegos do Racing do Ferrol, Deportivo da Coruña, Celta B e Pontevedra CF sairán á luz esta sexta feira 22 de xullo a partir das 12 horas no salón Luís Aragonés da Cidade do Fútbol, nas Rozas (Madrid).

Serán un total de 760 partidos con 38 xornadas nos dous grupos que forman a categoría os que queden configurados de acordo ao decidido pola fortuna.

A competición de novo contará cunha fase regular que enfrontará a vinte equipos por grupo en formato asimétrico e desde o 28 de agosto, data do inicio da fase regular, até finais de maio de 2023 cando conclúan os partidos desta fase antes da final entre campións e o playoff de ascenso, previstos ambos os para o mes de xuño. 

Desde a RFEF sinalan nun comunicado que “continuando co espírito de priorizar os méritos deportivos, premiarase co ascenso directo ao fútbol profesional aos campións dos dous grupos” aínda que “reservándose outras dúas prazas de ascenso para un playoff que esta tempada recupera as eliminatorias a dobre partido”. 

Terceira fichaxe do Celta B na pretempada

Os equipos galegos na Primeira RFEF seguen reforzándose. O Celta confirmou onte a súa cuarta incorporación da tempada para o seu filial, o Celta B, que esta semana tamén comezou os adestramentos nas instalacións deportivas da Madroa ás ordes de Claudio Giráldez, novo técnico en substitución de Onésimo Sánchez.

A novidade é o mediocentro Víctor San Bartolomé, de 22 anos, que se compromete por tres tempadas. 

Formado na canteira do Athletic Club, o equipo vigués salineta que “é un medio centro que foi internacional en distintas categorías inferiores da selección española e que ofrece un gran despregamento físico e moito criterio na circulación do balón”. A chegada de Víctor San Bartolomé súmase á dos centrais Javi Domínguez e Sergio Barcia para afrontar esta nova tempada en Primeira RFEF.

Comentarios