As retransmisións televisivas da Primeira RFEF, no ar

A rescisión do contrato con Fuchs Sports abre un novo período de incerteza nesa categoría.
Dépor-Albacete en Riazor o pasado 12 de xuño (Foto: Dépor).
photo_camera Dépor-Albacete en Riazor o pasado 12 de xuño (Foto: Dépor).

Co inicio da pretempada na liga estatal de fútbol para todos os equipos da Primeira RFEF a día de hoxe non están aseguradas as retransmisións televisivas dos encontros nos que participarán a partir do 27 e o 28 de agosto os equipos do Celta B, o Deportivo da Coruña, o Racing de Ferrol e o Pontevedra CF. 

Segundo anunciou a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) a través dun comunicado oficial "unha vez rescindido o anterior acordo con Fuchs Sports, a RFEF abrirá un novo proceso de recepción de ofertas para a comercialización dos dereitos audiovisuais da Primeira Federación mediante un tender que se presentará no mercado nos próximos días".

Malia esta eventualidade e, segundo avanzou o presidente deste organismo, Luis Rubiales meses atrás, a RFEF reitera o seu compromiso de que "todos os clubs participantes na categoría teñan garantidas as cantidades acordadas respecto a os dereitos audiovisuais de Primeira Federación para a tempada pasada e a actual". 

Hai un ano, a empresa luxemburguesa Fuchs Sports levara a adxudicación do concurso dos dereitos audiovisuais da categoría por tres tempadas.

No contrato figuraba un pago de tres millóns de euros por cada tempada que se realizaría a través dunha plataforma de vídeo en directo da española Footters. Coa liga aínda sen rematar, en marzo xurdiu un litixio entre ambas por un suposto incumprimento.

A xustiza deu a razón a Footters mais o conflito prexudicou As retransmisións que se realizaron na promoción, con partidos do Racing e o Dépor, realizounas a operadora Go & Go TV.

 O mesmo comunicado da RFEF informa de que "o novo concurso ofertarase para as tres próximas tempadas, polo que estará vixente até o exercicio 2024-2025". 

No acordado pola Federación cos clubs desta categoría  no concurso que agora queda sen efecto, o reparto económico desagregouse en catro conceptos: un 40% foi un pago de solidariedade que recibiron os 32 clubs non filiais da categoría por igual, un 30% repartiuse segundo os puntos obtidos durante a tempada no seu grupo e un 20% foi repartido en función das audiencias televisivas. O 10% restante chegaría ás entidades deportivas segundo o valor engadido que achegou a canteira de cada club ao primeiro equipo.

Comentarios