ENTREVISTA

'Starboy' Nano López: "Sería incríbel poder loitar na miña terra"

Da Galiza a Polonia hai case 3.000 quilómetros, un camiño non máis longo nin complexo que o que leva ao estrelado do 'wrestling' profesional, un deporte de espectáculo que ten na figura de Atilano Arias López (Sarria, 1990), máis coñecido no mundiño como 'Starboy' Nano López,  o seu principal representante.
O sarriao, aplicando un 'Rock Bottom' a un contrincante durante un combate. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O sarriao, aplicando un 'Rock Bottom' a un contrincante durante un combate. (Foto: Nós Diario).

—O wrestling ou loita libre profesional é unha disciplina con moitos seguidores e seguidoras, pero sen implantación na Galiza. Como foi a súa primeira toma de contacto con el? 
A primeira vez que vexo wrestling foi por casualidade, na televisión, tendo eu 11 ou 12 anos. Desde ese momento comezou a interesarme cada vez máis, e como daquela non había redes sociais caín nun foro de loita libre, que xa non existe, no que contactei cun rapaz que estivo adestrando en Irlanda e organizou un campus formativo en Segovia no 2007. Daquela eu aínda era menor de idade, tiña 17 anos.

—E despois que?
A cousa quedou aparcada, porque daquela só se practicaba en Barcelona, e eu, que son de Sarria, estaba moi lonxe de todo (ri). Si que seguín conectado co mundiño, por exemplo traballando nunha web especializada, pero non puiden adestrar até que, por outros motivos, de traballo e persoais, trasladeime a vivir a Polonia alá polo 2015.

—Alí tampouco lle sería fácil a cousa, pois ese país está lonxe de ter a escena de wrestling existente noutros de Europa como Alemaña ou o Reino Unido...
Si, pero din con xente que adestrara en Alemaña e no Reino Unido, como dis, e integreime nun grupo que comezou a facer shows no 2016, aínda que por aquel entón eu só adestraba, non saltaba ao ring. Non obstante, foi nesa época cando coñecín o que hoxe é o meu actual xefe, e cando el decidiu abrir a súa propia promoción de wrestling preguntoume se quería ser parte do seu proxecto, e aí foi cando debutei, en 2020.

—E fíxoo, que nos perdoen os puristas por romper o kayfabe [a aparencia de realidade do que sucede dentro do show], coa mesma personaxe que ten agora.
É algo curioso, a verdade. Aínda que ás veces teño que ser o heel [o vilán], sobre todo cando loito fóra de Polonia, normalmente son un babyface [o bo], e teño a impresión de que a xente está moi contenta coa miña personaxe e que está indo para arriba, penso que porque, sobre todo, busca entreter o público cun estilo moi variado, vistoso e adaptábel a calquera situación.

Ademais, é moi colorido, pois leva unha chaqueta e gafas de luces, roupa con moitas cores [entre a que se inclúe unha bandeira galega]... o que fai que chame a atención e destaque sobre o resto, pero sempre aceptando as derrotas e celebrando os logros con humildade. 

—Inflúe moito nesa positiva recepción por parte do público da PTW, a promoción polaca na que actúa, o feito de falar o idioma local?
Moitísimo. A xente ten moito en conta que unha persoa estranxeira faga o esforzo de falar un idioma que é moi complexo e que se fala só no seu país. Tamén é verdade que se eu teño unha rivalidade cunha persoa polaca, aínda que esta sexa a heel, sempre haberá quen se poña da súa parte. 

—Dado o seu éxito, apuntará ao título principal da compañía?
Si. Até o de agora estiven enfocado noutro tipo de rivalidades que non tiñan como obxectivo o título principal, que ademais acaba de crearse hai apenas un mes, pero por suposto. Cando un está no wrestling, ademais de a ofrecer un bo espectáculo, e ao que debe aspirar.

—Soñou algunha vez con poder loitar na súa terra?
Sería incríbel. De todos os meus amigos e familiares, son o único que realmente namorou deste mundo desde pequeno, pero sempre tiven un apoio enorme pola súa parte, así que poder loitar na casa, diante deles, sería un soño, por suposto.

Compartir 'ring' cos mellores do mundo

Na súa aínda curta traxectoria profesional, o máximo expoñente individual do wrestling saído de terras galegas xa compartiu cuadrilátero ou 'ring' con algúns dos mellores loitadores do mundo.

Pola súa promoción, Prime Time Wrestling (PTW) desfilaron nomes con experiencia na World Wrestling Entertainment (WWE), a principal liga do planeta, como Nick Aldis, Santino Marella, Chris Adonis (máis coñecido como Chris Masters) ou Matt Sydal, con quen Nano López mediu forzas nun combate disputado o 19 de febreiro de 2022. Sydal, actual membro de AEW (a principal competencia de WWE) é un dos loitadores 'aéreos' con máis sona do planeta, e o tempo que compartiu con el supuxo para o de Sarria "a nivel de experiencia e coñecementos, seguramente máis que medio ano de adestramentos na academia".

Comentarios