ciclismo

A Ruta do Balneario colle a remuda do circuíto 'BTTando por Guitiriz'

O certame alcanza o domingo a súa terceira data.
O certame durará até decembro. (Foto: Cova da Serpe).
photo_camera O certame durará até decembro. (Foto: Cova da Serpe).

Este domingo, 10 de marzo, terá lugar a Ruta do Balneario de Guitiriz, a terceira saída da sexta edición do certame 'BTTeando por Guitiriz', que organizan o Concello local e o club BTTeiros Cova da Serpe

O itinerario comezará ás 10 horas desde o Balneario de Guitiriz, con chegada no mesmo punto. Como de costume, será "apto para todos os públicos e idóneo para as persoas que se estean iniciando na práctica da bicicleta de montaña". As inscricións, que son gratuítas, estarán abertas até esta quinta feira, e poderán efectuarse a través de calquera das dúas entidades involucradas na organización.

O percorrido constará de 23 quilómetros entre os sendeiros próximos a Guitiriz e Parga, collendo a remuda a Ruta dos Muíños o 14 de abril, seguida pola Ruta da Pedra Díaz Castro nos Vilares (26 de maio), a de Bascuas e Camiño Real por San Salvador (13 de outubro), a Ruta do Pantano de San Xoán (10 de novembro) e, por último, a Ruta de Fin de Ano, prevista o 29 de decembro. Non obstante, desde o Concello lembran que "sempre pode haber algún cambio nas datas debido ás inclemencias meteorolóxicas ou a outra causa xustificada".

Ames recibe a segunda proba da Transgalaica

Ames acolle, un ano máis, a segunda proba do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2024. Prevista, tamén, para o domingo 10 de marzo, será a oitava ocasión na que este concello galego albergue unha das citas máis importantes do ciclismo no noroeste peninsular. 

 Organizada polo Club Ciclista Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, a saída realizarase desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9.30 horas, onde comezará un circuíto de 32 quilómetros de extensión que haberá que percorrer até en dúas ocasión.

Comentarios