Castroverde, pioneira do 'Gravel' coa nova carreira BTT 'A Fortaleza'

Efrén Castro e Iria Castro -segunda e terceira pola dereita, respectivamente-, no acto de presentación do certame. (Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo).
photo_camera Efrén Castro e Iria Castro -segunda e terceira pola dereita, respectivamente-, no acto de presentación do certame. (Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo).

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes, Efrén Castro, xunto coa deputada de Cultura e Patrimonio Histórico-Artístico, Iria Castro, animaron a participar no evento de BTT A Fortaleza.

Esta levaráse a cabo no concello de Castroverde (Lugo) o sábado 20 de abril. Os representantes políticos estiveron acompañados dos e das organizadoras dun evento que en dúas semanas xa ten preto dun cento de persoas inscritas.

Como principal atractivo, esta competición conta cunha proba de Gravel de 68 quilómetros e 1.700 metros de desnivel. Nesta modalidade, os e as participantes percorrerán estradas afastadas do tráfico e, sobre todo, pistas de grava e area. Ademais conta con outras dúas distancias, unha de 50 quilómetros e 1.500 metros de desnivel e outra de 30 quilómetros e 800 metros de desnivel. 

O BTT A Fortaleza, segundo destacou a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, "permitirá percorrer o patrimonio de Castroverde e pór en valor a súa historia ao tempo que se practica deporte ao aire libre e en compañía". Para Efrén Castro, que celebrou a posta en marcha dunha carreira "de gran categoría", esta servirá para "atraer os e as ciclistas que queiran un novo reto e descubrir este concello".

"Agardamos que A Fortaleza teña unha longa vida. O éxito destas primeiras semanas de inscricións demostra que gusta e está ben traballada desde a organización", engadiu o vicepresidente da institución provincial, que concluíu expresando a súa esperanza de que acabe por converterse "nun referente, xa que o Gravel está sendo cada vez máis demandado e esta cita é unha das primeiras que inclúen este tipo de circuíto na Galiza".

Comentarios