23-X

Rueda vota e di que a Galiza "xógase decidir o seu futuro"

O presidente da Xunta da Galiza e do PPdeG fixo un chamamento á participación nestas eleccións estatais.

O presidente da Xunta votou en Pontevedra acompañado polas súas fillas (Foto: EP).
photo_camera O presidente da Xunta votou en Pontevedra acompañado polas súas fillas (Foto: EP).

En declaracións aos medios tras exercer o seu dereito a voto no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, en Pontevedra, Rueda destacou que "todo está disposto" para que durante este día todo o mundo poida achegarse a votar e "dedicarlle un pequeno momento durante o día".

"Hai tempo para todo", sinalou o presidente galego antes de apuntar que a climatoloxía "vai acompañar para facer o que cada un queira".

Acompañado da súa familia e da candidata do PP ao Congreso por Pontevedra, Ana Pastor, Rueda lembrou que é "moi importante" participar, e relatou que "todo indica que esta vai ser alta".

Neste sentido, puxo en valor o "aumento notable" do voto por correo, e volveu a animar á cidadanía a acudir ás urnas nesta xornada electoral.

Así, afirmou que a Galiza xógase "decidir o seu futuro", así como "ter unha boa relación e ser esixente co Goberno que saia das urnas".

Nesta liña, insistiu en que "é importante ter un Goberno que atenda ao que pida Galiza", posto que se necesita "estar ben coordinados" entre administracións e, especialmente, "cun Goberno central que ten moito que dicir".

Así mesmo, cuestionado sobre se a data dos comicios galegos tamén está en xogo este domingo, Rueda dixo que “non”, e que este domingo "está en xogo o resultado das eleccións xerais e quen será o futuro presidente de España".

O presidente do PPdeG ten previsto pasar a tarde en Santiago e a partir das 19 horas acudirá á sede dos populares para seguir o reconto e a noite electoral. Antes, Rueda desprazarase a San Sadurniño para asistir ao funeral do irmán do vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, falecido repentinamente a pasada sexta feira por mor dun infarto.

Comentarios