23-X

Rueda cualifica Pedro Sánchez de "soberbio e arrogante" ante un Feixoo que "pide paso"

En opinión do titular de Executivo galego quedaron "moi claras" dúas posicións: "un presidente en retirada e un aspirante que pide paso e que cada vez o pide con máis claridade".
Rueda e outros dirixentes do PP na Galiza ven o debate electoral desta segunda feira (Foto: PP).
photo_camera Rueda e outros dirixentes do PP na Galiza ven o debate electoral desta segunda feira (Foto: PP).

O presidente da Xunta e do PP na GAliza, Alfonso Rueda, referiuse esta terza feira ao ‘cara a cara’ mantido entre os candidatos do PSOE e do PP á Presidencia do Goberno español esta segunda feira para concluír cunha contraposición entre ambos. Así, viu a un Pedro Sánchez "soberbio e arrogante" e a un Alberto Núñez Feixoo "facendo propostas con tranquilidade e educación".

Por iso, concluíu que quedaron "moi claras" dúas posicións: "un presidente en retirada e un aspirante que pide paso e que cada vez o pide con máis claridade".

Así o dixo en declaracións aos medios, tras participar nun acto en Xinzo de Limia, e despois de seguir o debate xunto a varios dirixentes do PP na Galiza, entre eles a súa secretaria xeral, Paula Prado, na sede do partido en Santiago de Compostela.

Rueda avaliou como "un sentimento xeral", aínda que despois haxa "diversas interpretacións", que calquera persoa que vise o debate "cunha mínima obxectividade, estará de acordo en que se viu un presidente do Goberno moi nervioso, demostrando como é", é dicir, demostrando que "sempre está a facer ese exercicio de contención para que non se lle note esa soberbia que lle sae en canto vese un pouco apurado".

"Soberbio e arrogante"

"Onte [por esta segunda feira] viuse apurado en moitos momentos, soberbio, arrogante, interrompendo...", manifestou, para sinalar que "enfronte, hai que dicilo, hai un presidente, un aspirante, un antigo presidente facendo propostas con tranquilidade e educación e pondo de manifesto as contradicións e nerviosismo de Pedro Sánchez".

Así, insistiu en que se percibiu un Pedro Sánchez "á defensiva, nervioso, non facendo ningunha proposta, mostrando a súa arrogancia e contradicións e un candidato Feixoo tranquilo, sosegado, facendo propostas moi concretas" ás que o dirixente socialista respondeu "con evasivas ou case descualificacións".

Comentarios