23-X

O PP presenta Feixoo como "o galego que mellor coñece os problemas da Galiza"

Os conservadores ultiman os preparativos do grande acto da campaña do seu candidato á Presidencia do Goberno español, que decorrerá este domingo na praza de touros de Pontevedra, xunto a Alfonso Rueda e Mariano Raxoi, para defender que "é o momento" de Alberto Núñez Feixoo.
O PP prepara o mitin central da campaña de Feixoo, na praza de touros de Pontevedra. (Foto: Europa Press)
photo_camera O PP prepara o mitin central da campaña de Feixoo, na praza de touros de Pontevedra. (Foto: Europa Press)

A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, xunto ao presidente provincial do PP de Pontevedra, Luís López, e algúns candidatos e candidatas ao Congreso e ao Senado da formación conservadora, entre eles, Ana Pastor, comprobaron na mañá deste sábado a posta a punto da praza de touros de Pontevedra, onde decorrerá o mitin central de campaña de Alberto Núñez Feixoo. Este domingo esperan recibir, entre cargos, militantes e simpatizantes unhas 12.000 persoas chegadas desde distintos puntos da xeografía galega, para o que tamén se fretarán autobuses.

"Foi o lugar onde se fraguaron as vitorias do noso presidente desde 2009, porque é unha praza emblemática e é un talismán, dános moita sorte. Mañá a praza de touros será a praza de todos e aquí comezará o cambio que España necesita. É o momento de iniciar o cambio e é o momento de Feixoo", proclamou, en declaracións aos medios, Paula Prado. O recinto pontevedrés prepárase para o mitin central de Feixoo no que estará acompañado polo ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi, e o presidente da Xunta e o seu propio sucesor no Goberno da Galiza, Alfonso Rueda.

Virá, dixo, Ana Pastor, a "pedir o voto a todos os cidadáns que queren que as cousas cambien, que cren que chegou o momento do presidente Feixoo, de ter tranquilidade, de non ter enfrontamentos entre españois, de que haxa un goberno que non se estea pelexando todas as mañás e todas as tardes e, sobre todo, facer políticas que cheguen a todos os cidadáns".

Así, defendeu que pedirán o voto para o PP porque "chegou a hora do presidente Feixoo e nesta praza de touros van dicir a toda España que é posíbel e que vai ser unha realidade en moi poucos días". "Pero, para iso, imos traballar para que a nosa mensaxe chegue a todos e dicir que hai outro modo de gobernar", salientou Pastor, quen insistiu en que "hai que derrogar o sanchismo".

Pola súa parte, o anfitrión provincial e recentemente elixido tamén presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, afirmou que "aquí comezou todo en 2009 e comezará todo en 2023", unha praza "talismán e símbolo" á que voltarán, agora, "con moita máis forza se cabe". "Mañá imos dicir desde aquí que chegou o momento do cambio e de Feixoo e do Partido Popular", remarcou.

Paula Prado sumouse á comprobación dos traballos e do día "moi especial" que será este domingo, aínda que fixo unha paréntese para felicitar tamén ao presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, que este sábado está de aniversario, o que fai desta xornada tamén un día "especial" para o PP.

E fixo alusión tamén á recentemente aprobada no Parlamento Lei do litoral, co único apoio do PP, "unha lei moi importante" para "resolver os problemas" da costa, defendeu, aproveitando para cargar contra a oposición: "É moi importante que os partidos poñamos solucións e non atrancos, como PSOE e BNG", dixo, alegando que Feixoo "ten un programa con solucións aos problemas reais" dos cidadáns, en contraposición con Pedro Sánchez, dixo, "que confronta" coa Galiza. "É o momento de que o galego que mellor coñece os problemas da Galiza fique á fronte do Goberno do Estado", engadiu.

Comentarios