Rodríguez, Otero e Patiño estarán no Mundial de Ciclocrós

A Galiza contará con tres representantes na proba.
Aroa Otero e Miguel Rodríguez. (Foto: Supermercados Froiz).
photo_camera Aroa Otero e Miguel Rodríguez. (Foto: Supermercados Froiz).

A tempada de ciclocrós 2023-2024 remata cunha nova que reflicte o nivel actual desta modalidade na Galiza. O Sub-23 Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) e as júniors Lorena Patiño (XSM) e Aroa Otero (Froiz) forman parte da convocatoria confeccionada polo seleccionador estatal, Pascual Momparler, para ser parte do Mundial que se desenvolverá desde hoxe e até o domingo, 4 de febreiro, no circuíto de Tábor (República Checa), escenario que, segundo as previsión do tempo, estará moi condicionado polas chuvias e que xa acolleu este certame noutras tres ocasións: 2001, 2010 e 2015. 

As dúas carreiras individuais con representación galega disputaranse mañá, día sábado, arrancando ás 11.30 horas a competición júnior feminina e collendo a remuda ás 12.30 horas a Sub-23 masculina.

O ponteareán Miguel Rodríguez, pola súa parte, xa sabe o que é participar nun Mundial de Ciclocrós, pois en 2022 acadou a vixésimo cuarta praza entre os varóns Sub-23 en Fayetteville (Estados Unidos). 

No referente á marinense Lorena Patiño e á porriñesa Aroa Otero -vixentes campioa e subcampioa do Campionato de España, respectivamente- estas estréanse no evento máis importante do calendario UCI de ciclocrós coa esperanza de dar que falar na gran cita checa

Comentarios