O retorno do España-Islandia xera dúbidas

O BNG di que o informe sobre o seu impacto económico "non é serio".
A escuadra dirixida por Luís Enrique derrotou o combinado islandés en Riazor por un resultado de 5 a 0. (Foto: EP).
photo_camera A escuadra dirixida por Luís Enrique derrotou o combinado islandés en Riazor por un resultado de 5 a 0. (Foto: EP).

A finais do pasado mes de marzo o Estadio Municipal de Riazor, na Coruña, acolleu un encontro entre as seleccións de España e Islandia que implicou unha transferencia de máis de 400.000 euros dos petos dos e das galegas ao da Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Agora, o BNG cuestiona con cifras o "retorno" económico do partido. 

Os diferentes grupos municipais da cidade herculino recibiron na xornada de onte, durante a Comisión de Deportes, un informe que mide o impacto económico do devandito choque -para o que a Concellaría de Deportes achegou 400.000 euros; o Consorcio de Turismo da Coruña, 29.000; e a Xunta da Galiza, 14.500 euros-, que cuantifica en 13,1 millón de euros.

Non obstante, desde o Bloque Nacionalista Galego (BNG) pensan que este se limita "a as noticias aparecidas nos medios en relación co evento e a cuantificar o seu valor publicitario equivalente", polo que pensan que se trata "dun informe feito a medida".

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, recoñeceu durante a Comisión que "en principio" a previsión era que o encontro non se financiaría a cargo da súa Concellaría,

"Non nos parece serio cifrar o impacto en 13,1 millóns de euros, pero podería telo cifrado en cinco ou en 50", segundo declarou o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, que engadiu que "boa proba" da súa "falta de seriedade" está en que se relacionan noticias "obxectivamente negativas" para a cidade da Coruña, incluída unha titulada "Caos en Riazor" á que se lle atribúe un valor de 141.075 euros "en función da súa audiencia acumulada na internet".

"Por iso -pensa Jorquera-, o BNG reafírmase en desde un primeiro momento este investimento era totalmente prescindíbel, porque vai en detrimento de atender as urxentes necesidades do deporte local, pois as posibilidades económicas para organizar eventos da Concellaría de Deportes en 2022 fican seriamente comprometidas, xa que dos 900 mil euros orzados para este exercicio, 400 mil gastáronse neste encontro".

Neste sentido, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, recoñeceu durante a Comisión que "en principio" a previsión era que o encontro non se financiaría a cargo da súa Concellaría, senón doutros departamentos do Goberno Local, pero comprometeuse a que o diñeiro sexa restituído a cargo de remanentes.

Comentarios